- A Comisión Europea, co apoio do Goberno español, seleccionou como “estratéxicos” 7 proxectos dentro do Estado español (6 de minería e un de reciclaxe) nun proceso rodeado de opacidade e falta de participación pública
- As organizacións denuncian que os proxectos seleccionados presentan numerosas irregularidades e riscos ambientais e sociais
- A consideración como “estratéxicos” implica tramitacións exprés e pode eximir da obriga de non causar impactos en espazos protexidos e masas de auga
A Comisión Europea publicou hoxe a lista de “proxectos estratéxicos” baixo o Regulamento de Materias Primas Fundamentais para acelerar a obtención de minerais considerados estratéxicos para a transición enerxética e dixital e outras industrias como armamento. En España seleccionáronse seteproxectos, dos cales seis son para a extracción de minerais, e un para reciclaxe.
Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción e SEO/Birdlife denuncian que se haxan escollido proxectos cun amplo historial de irregularidades e malas prácticas ambientais, como son as minas de
Las das Cruces (Sevilla), La Parrilla (Cáceres) e Aguablanca (Badaxoz), e proxectos con ampla contestación social polos seus previsibles impactos en espazos protexidos como os das Navas (Cáceres), Doade (Ourense) e O Moto (Ciudad Real). Lembran que a mina de La Parrilla foi sancionada e pechada en 2022 por carecer de autorización ambiental e por construír ilegalmente balsas de residuos mineiros, mentres que a Mina das Cruces acumula máis de 6.5 millóns de euros en sancións e indemnizacións por extraccións ilegais de augas do acuífero de Gerena e Guillena-Cantillana, masas de auga consideradas como reserva estratéxica de emerxencia para o consumo humano de Sevilla en caso de escaseza. No caso da mina de Aguablanca, Denarius está liderada por empresarios cun amplo historial de vulneracións de dereitos humanos nas súas explotacións de ouro e petróleo en Colombia.
Resulta así mesmo preocupante que dos sete proxectos seleccionados, só un sexa de reciclaxe de minerais e ningún de substitución. De feito, España foi o país europeo no que se presentaron máis proxectos de extracción (10), contrastando con países como Italia, Francia ou Alemaña, nos que a maioría dos proxectos presentados foron de substitución, reciclaxe ou procesado. Isto confirma o papel de “zona de sacrificio” atribuído á península ibérica. España é, de feito, o país europeo con máis proxectos extractivos aos que se concedeu a categoría de estratéxicos (7 en total).
“Europa e España están a apostar pola minería sen antes fomentar realmente a reciclaxe nin reducir a demanda de minerais” lamentou Adriana Espinosa, responsable de recursos naturais de Amigas da Terra. “Calculamos que aplicando medidas de aforro e circularidade, os metais reciclados poderían cubrir o 67% da demanda de minerais ata 2050”, conclúe.
Tamén sinalan a opacidade do Goberno de España e a Comisión Europea durante o proceso de selección, así como a exclusión das poboacións potencialmente afectadas. Esta falta de transparencia lanza incerteza sobre os criterios que se usaron para outorgar a determinados proxectos unha cualificación que lles outorgará privilexios económicos e administrativos, tales como a tramitación acelerada de concesión de autorizacións. Para as organizacións, esta falta de transparencia supón unha vulneración do Convenio de Aarhus sobre información, participación e xustiza ambiental, do que España é parte.
En decembro pasado, Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción, o Observatorio Ibérico da Minería e outras entidades europeas puxeron en coñecemento do Goberno español e a Comisión Europea unha análise destes impactos, que son inherentes á actividade extractiva.
“A pesar das advertencias reiteradas, atribuíuse a consideración de estratéxicos a proxectos cuxos impactos previos e potenciais son evidentes, e mesmo foron obxecto de sancións e procesos xudiciais”, explica Cristóbal López, responsable da área de minería de Ecoloxistas en Acción. As organizacións lamentan ademais que o Goberno non utilizase a súa capacidade de veto para excluír proxectos que nunca terían que estar sobre a mesa con eses antecedentes.
Tramitación exprés e riscos para a biodiversidade
A tramitación acelerada de permisos que a lexislación outorga aos “proxectos estratéxicos” impide unha participación efectiva das poboacións locais. Estes proxectos tamén terán un status prioritario en procesos administrativos e xudiciais e recibirán axuda da Comisión Europea para obter financiamento.
Outro aspecto moi preocupante é que os proxectos seleccionados poderán considerarse “de interese público superior”, debilitando a aplicación de normas ambientais como os Directiva Hábitats, a Directiva Marco da auga ou a de Aves. Unha parte moi importante dos xacementos dos chamados “minerais críticos” atópanse moi preto ou dentro de zonas de protección especial como a Rede Natura2000.
As organizacións advirten que as actuais políticas sobre minerais críticos, lonxe de garantir unha transición ecolóxica xusta, profundan nas desigualdades sociais e territoriais existentes e poden aumentar a desafección cara ás políticas climáticas. Tampouco resolven senón que profundan no espolio de recursos do Sur Global, sen garantir os dereitos dos pobos indíxenas nin das comunidades locais nestes países.
Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción e SEO /BirdLife demandan, con carácter inmediato, unha revisión dos proxectos estratéxicos seleccionados de forma que se garanta que non recibe esta cualificación ningún proxecto con malas prácticas ambientais e sociais, nin proxectos situados en espazos naturais protexidos, así como noutros que fosen merecedores de protección incompatible coas actividades extractivas. Así mesmo, recalcan que é imprescindible un xiro de 180º nas políticas sobre materias primas minerais de forma que se priorice a redución da demanda e a reciclaxe de metais, e que se poña no centro da toma de decisións o benestar da poboación e a súa contorna.
Mais información:
- “Proyectos Estratégicos en el marco de la Ley de Materias Primas Críticas: Los riesgos socioambientales de acelerar los proyectos mineros”, Amigas de la Tierra, European Environmental Bureau, Friends of the Earth Europe, Mining Watch Portugal, Observatorio Ibérico de la Minería, Diciembre 2024.
- Ficha de Mina Doade (MINOB): https://minob.org/espanol/mina-alberta-I.html
- Ficha de Mina de Doade (Friends of the Earth Europe, EEB): https://track.mdrctr.com/track/link/key/37652-1468-3984-0-0-1384/signature/79636791d405ab0103706dcdb282e1bf/userid/028ce02af87d05a86335f39091007f7d
- Ficha de Aguablanca (MINOB): https://minob.org/espanol/mina-de-aguablanca.html
- Ficha de Cobre Las Cruces (MINOB): https://minob.org/espanol/mina-las-cruces.html
- Ficha de la Parrilla (MINOB): https://minob.org/espanol/mina-la-parrilla.html
- Ficha de Las Navas (MINOB): https://minob.org/espanol/mina-de-las-navas.html
- Ficha de Cáceres (Friends of the Earth Europe, EEB): https://friendsoftheearth.eu/wp-content/uploads/2024/12/Factsheet-Strategic-Projects-Caceres-140225.pdf