Os pesticidas úsanse para controlar as pragas, pero hai outras alternativas que non arrasan coa natureza nin envelenan chans e acuíferos.

Os expertos advirten desde hai anos que a biodiversidade está en perigo. Os pesticidas son unha das principais causas da deterioración dos nosos ecosistemas; as especies de flora e fauna están a desaparecer cada vez máis rápido e de forma catastrófica, e é que empregamos o dobre de pesticidas que hai 20 anos.

Calquera pensaría que non existe ningunha alternativa e que nos temos que comer todos estes pesticidas, pero non é así, os insectos, como as xoaniñas ou as avespas son “pesticidas naturais”, que actúan controlando as pragas e protexen eficazmente non só os cultivos, senón tamén a biodiversidade. Con todo, os pesticidas sintéticos tamén atacan a estes insectos beneficiosos, da mesma forma, que están a acabar cos polinizadores, esenciais para producir os nosos alimentos.

Os estudos revelan con regularidade que os pesticidas contaminan ríos, lagos e augas costeiras e subterráneas. En todos lados aparecen residuos de pesticidas, xa non só nos nosos campos, senón nos parques, nos arredores dos colexios e as residencias. E é que convivimos con eles: comémosnolos en froitas, verduras e outros alimentos, e respirámolos na nosa contorna. Tanto é así, que se atoparon restos de pesticidas no 99,8% das mostras de urina de diferentes investigacións. Debido a isto, cada ano hai no mundo uns 385 millóns de casos de intoxicación por pesticidas. Isto afecta particularmente as persoas que traballan en zonas rurais do Sur Global. Pero os alimentos contaminados tamén terminan nos nosos pratos a través das importacións.

Pero por que seguimos utilizando pesticidas cando sabemos que deterioran a saúde humana, a biodiversidade, a auga e os chans?A que débese esta falta de interese por deixar de envelenarnos? Como sempre: ao interese económico. O mercado mundial de pesticidas é moi rendible, e un puñado de empresas moi influentes e con boas conexións, encabezadas por empresas europeas como Bayer e BASF, están a expandir o seu control do mercado e buscan aumentar as súas ganancias incesantemente.

A UE, sometida aos ditados destes xigantes empresariais, converteuse no mercado de exportación de pesticidas máis grande do mundo e na actualidade inviste cada vez máis en países do Sur Global, onde as empresas da UE teñen permitido exportar pesticidas que no seu propio país están prohibidos debido aos efectos nocivos que teñen sobre a saúde humana e a natureza.

A pesar dos intentos e de que a lexislación da UE sobre os pesticidas é a máis sofisticada, non foi eficaz ao momento de reducir o seu uso, e os seus regulamentos vense retardados ou bloqueados pola oposición dalgúns países e a presión de xigantes corporativos.

En todo o mundo hai proxectos que demostran que é posible un futuro agroecolóxico. No atlas dos pesticidas, podes atopar exemplos inspiradores de cidades, estados e rexións que tentan reducir o uso de pesticidas ou mesmo prohiben completamente os axentes químicos nos seus campos e terras.

Para acabar co uso de pesticidas e poñer en práctica experiencias eficaces desde Amigas da Terra esiximos que se garantan unha serie de medidas básicas:

 

Marcar obxectivos máis ambiciosos de redución de pesticidas

Apoiar con asesoramento, financiamento e con normativas específicas ás pequenas leiras agrícolas.

Prohibir o uso de pesticidas ao redor de vivendas, colexios e outros espazos públicos especialmente vulnerables.

Impedir a exportación de pesticidas prohibidos na UE.