No sur de Honduras, Amigas da Terra está a desenvolver xunto á súa socia local, Asociación de Mujeres Defensoras de la Vida (AMDV), un proxecto financiado pola Xunta de Galicia que ten por obxectivo enfrontar a violencia de xénero e xerar cambios socioeconómicos nos municipios do Corpus e Orocuina grazas ao apoderamento de mulleres rurais.
Unha das principais causas pola que as mulleres sofren violencia doméstica é a dependencia económica dos seus agresores, polo que para contribuír á súa erradicación aspírase a que ao final do proxecto estas emprendedoras conten con todas as habilidades para xestionar os seus negocios de forma efectiva e sostible.
A continuación, compartimos algúns avances relacionados co acceso de mulleres emprendedoras a recursos económicos a partir de negocios relacionados coa actividade agroecolóxica e outros produtos propios da identidade territorial.
Grazas ao proxecto puxéronse en marcha microemprendimientos autoxestionados por 23 mulleres integradas en grupos organizados de mulleres rurais do Corpus e Orocuina. Para iso, estas emprendedoras foron capacitadas nun programa de formación en xestión administrativa, control e seguimento de mercados, márketing e atención ao cliente, procesamento e transformación de materias primas, normas básicas de control de calidade e hixiene, inocuidade dos alimentos e envasado e etiquetaxe. No marco do proxecto, deuse acompañamento para a posta en marcha das súas iniciativas económicas así como materiais e insumos para a elaboración e comercialización diferenciada de forma individual e colectiva. Os requisitos para acceder a este programa eran que as mulleres estiveran organizadas, e residisen e emprendesen nos municipios de Orocuina e O Corpus.
Así, seleccionáronse diferentes tipos de iniciativas que foron apoiadas para a elaboración dos seus plans de negocio. Os seus negocios céntranse na venda de diferentes produtos: excedentes dos produtos agropecuarios frescos obtidos nos seus hortos familiares, parcelas e escolas de campo agroecolóxicas (plátano, mango, papaya, aguacate, maracuxá, iuca, cabaciña, batata, millo, frijol, sorgo, ovos…); comidas e bebidas típicas (pan caseiro, rosquillas, sopas, nacatamales, tacos, enchiladas, conservas, garrapiñados, doce de cana de azucre, zumes de froitas…); alimentos transformados (marmeladas de froitas, mel, salsas, viños…); hamacas e pezas de vestir; etc.
Co acompañamento de AMDV e Amigas da Terra realizouse unha estratexia de comercialización de mercados diferenciada, que se basea na identificación de oportunidades de venda en mercados locais e espazos alternativos para cada unha das emprendedoras. A pesar diso, as mulleres emprendedoras continúan enfrontando grandes retos e desafíos relacionados coa falta de acceso a terra e outros medios de produción, a créditos diferenciados, a insumos e materiais de calidade e a mercados con maior xeración de valor agregado. Isto súmase ás fendas relacionadoas coa desigualdade de xénero e cun acceso inequitativo a servizos públicos como a educación, a asistencia sanitaria, infraestruturas básicas, auga e saneamento, entre outras.
Ao longo do proxecto, establecéronse sinerxías con actores municipais como a Corporación Municipal a través das Unidades de Desenvolvemento Económico Local (UDEL) e as Oficinas Municipais da Muller (OMM) de Orocuina e O Corpus. Coordinouse a organización de varias expoventas municipais en ambos os municipios e tamén en Choluteca aproveitando datas emblemáticas como o Día Internacional da Muller ou o Día da Muller Rural. Está en proceso de xestión por parte da alcaldía municipal, o establecemento dun mercadiño verde en Orocuina, ao cal as emprendedoras poderán levar os seus produtos para comercializar de forma periódica, co que se espera un aumento significativo dos seus ingresos ao ter a oportunidade de vender a novos clientes, maiores cantidades e a mellores prezos.
A nivel rexional, estableceréronse alianzas estratéxicas co Módulo de Empoderamiento Económico de Ciudad Mujer Choluteca, organizando eventos de formación e feiras agroecolóxicas nas súas instalacións e tendo as mulleres a oportunidade de afiliarse de forma gratuíta a un colectivo de emprendedoras que vende os seus produtos de forma calendarizada segundo as actividades e as visitas que se realizan a este centro departamental de Ciudad Mujer en Choluteca.
Actualmente, todas estas emprendedoras contan co seu plan de negocio, teñen coñecementos básicos en identificación de mercados, administración e contabilidade e atópanse comercializando de forma diferenciada. Grazas ao proxecto, as mulleres emprendedoras rexistraron un incremento medio dun 20% nas súas vendas. Cos ingresos obtidos pola venda dos produtos ofertados complementan necesidades dos seus fogares, en especial para unha mellor atención das súas fillas e fillos e dos problemas de saúde da súa familia.