Sinalamos que esta norma non conseguiu o seu obxectivo de axilización masiva da tramitación das renovables, pero sentou un precedente perigoso.
A nova Directiva de Renovables permite este tipo de trámites “exprés” só en zonas de aceleración, previo Estudo Ambiental Estratéxico, e prohibe suprimir a participación pública.
As organizacións pedimos a non renovación da “tramitación ambiental exprés” por supoñer un recorte das garantías ambientais e a participación pública no necesario despregamento das renovables.
Desde a súa entrada en vigor, 277 proxectos de enerxías renovables solicitaron a “tramitación ambiental exprés”, aínda que o interese dos promotores é cada vez menor.
Os proxectos de enerxías renovables que presenten a solicitude de autorización administrativa despois do próximo 31 de decembro xa non poderán optar ao mecanismo de Determinación de Afección Ambiental, tamén coñecido como “tramitación ambiental exprés”, que caduca. Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, SEO/BirdLife e WWF pedimos ao Executivo que retire definitivamente esta medida que acurta e exclúe á cidadanía da avaliación ambiental no necesario despregamento das enerxías renovables.
Tememos que o Executivo queira prorrogar este mecanismo para responder ao recente requirimento da Comisión Europea por incumprimento da Directiva Europea de Renovables en materia de axilización da tramitación das renovables. Neste caso, unha ampliación da tramitación ambiental exprés, máis aló do próximo 31 de decembro, sería un grave erro.
Lembramos que a mesma Directiva de Renovables, que entrou en vigor despois da tramitación ambiental exprés, limita a aplicación de mecanismos de tramitación rápidos (fast track) como este para as “zonas de aceleración”, previa Avaliación Ambiental Estratéxica e presentación dun plan de mitigación de potenciais afeccións á biodiversidade. Doutra banda, a mesma directiva prohibe suprimir a participación pública nos mecanismos de tramitación rápida.
Por tanto, unha ampliación do prazo para que os promotores poidan optar á tramitación ambiental exprés representaría un novo incumprimento da mesma directiva.
Por esta razón pedimos ao Goberno que poña en marcha urxentemente alternativas para axilizar a transición que non leven a perder as garantías ambientais e a participación cidadá no desenvolvemento das enerxías renovables. Hai opcións como a dixitalización dos trámites, creación de portelos únicos, mellora da coordinación entre Administracións e unha ordenación territorial para o despregamento das renovables que exclúa as zonas protexidas e de alta sensibilidade ambiental. Todas estas medidas son obrigatorias en cumprimento da Directiva de Renovables e, con todo, non están a ser postas en marcha en España, a pesar de que o prazo para iso caducou en xullo de 2024.
As organizacións ecoloxistas compartimos a necesidade de axilizar os trámites para as renovables, pero os mecanismos que acurtan as garantías ambientais e eliminan a participación pública responden máis os intereses de determinadas empresas que aos xenerais e fomentan o rexeitamento social que acaba xerando atrasos, o efecto contrario que se buscaba coa norma. Esta axilización debería ser posible dotando de maiores recursos e persoal para a tramitación dos permisos, ademais de garantir que as avaliacións sexan o máis rigorosas e precisas para que non fallen no obxectivo de previr os impactos ambientais e sociais.
Pedimos substituír esta tramitación ambiental por mecanismos de aceleración que inclúan a participación cidadá e que impulsen os proxectos en zonas antropizadas (portos, estradas, aparcamentos, polígonos, entulleiras ou antigas minas entre outros), zonas urbanas, industriais, urbanizables, de baixa sensibilidade ambiental, tellados, infraestruturas existentes e a través de comunidades enerxéticas.
Nada xustifica a eliminación da participación pública, nin sequera nas zonas de baixa sensibilidade ambiental. Moito menos transformar, de facto, todo o territorio non protexido en zonas de aceleración sen tan sequera realizar unha Avaliación Ambiental Estratéxica previa, tal e como obriga a Revisión da Directiva Europea de Renovables.
WWF, SEO/BirdLife, Greenpeace, Ecoloxistas en Acción e Amigas da Terra compartimos a necesidade de substituír de forma urxente as enerxías fósiles e nucleares por renovables, ademais dunha redución do consumo e unha mellora da eficiencia enerxética, e lembramos que a senda de como facelo é clara: dotar de maiores recursos aos departamentos que se encargan da avaliación ambiental e a ordenación e zonificación territorial e planificar un despregamento ordenado e vinculante que priorice os proxectos máis próximos onde se consome; isto é, facilitar o desenvolvemento de renovables en zonas de baixa sensibilidade ambiental priorizando as zonas degradadas (por exemplo, as fortemente antropizadas, as industriais, as ocupadas por infraestruturas, etc.), e, como xa decidira o Goberno en xuño de 2022, sobre aquelas zonas que se identificaron como de baixo impacto ambiental.
Aplicación da tramitación ambiental exprés desde a súa entrada en vigor
O mecanismo de determinación de afección ambiental é coñecido como “tramitación ambiental exprés”. En 2022, o Goberno español estableceu, de facto, unhas zonas de aceleración para as enerxías renovables nas que se relaxan as garantías ambientais dando só dous meses ao funcionariado para resolver unha Declaración de Impacto Ambiental (no caso de que o proxecto sexa admitido a pasar pola vía rápida) e suprímese a participación pública no trámite ambiental.
É necesario distinguir entre dúas versións da tramitación ambiental exprés: a “limitada” e a “sen límites”. O 31 de marzo de 2022, o Goberno empezou limitando este proceso rápido só a zonas de baixa e media sensibilidade ambiental e potencias inferiores a 75 MW para eólica e a 150 MW para fotovoltaica (“limitada” – RDL 6/2022). A sociedade opúxose e conseguiuse limitar as zonas de baixa sensibilidade. Lamentablemente, non se conseguiu reintroducir a participación pública.
Con todo, o 29 de decembro de 2022, baixo presión por atopar solucións ante o encarecemento da vida como consecuencia da dependencia do gas, o Goberno transformou, de facto, todo o territorio español nunha área de aceleración para as renovables (fóra da Rede Natura 2000 e do mar), independentemente do tamaño das instalacións (“sen límites” – RDL 20/2022). Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, SEO/BirdLife e WWF, onda moitas outras organizacións, opuxémonos a esta decisión.
Ata 277 proxectos solicitaron a tramitación ambiental exprés entre a súa primeira entrada en vigor o 31 de marzo de 2022 (RDL 6/2022) e a actualidade. Destes, 65 avaliáronse ambientalmente pola vía rápida, outros 74 foron derivados á avaliación ambiental ordinaria, 64 non foron admitidos á tramitación exprés por incumprimento dos requisitos legais, en 44 casos as empresas desistiron deste procedemento e noutros 4 non hai información dispoñible sobre o sentido da resolución. Os 26 casos restantes están aínda en fase de solicitude.
Con todo, o interese da mesma industria renovable está a baixar, xa que en 2024 tan só 66 proxectos optaron pola tramitación ambiental exprés respecto aos 128 solicitados en 2022 e os 83 de 2023.
Os 33 meses de tramitación ambiental exprés demostraron que a participación cidadá non é a responsable dos atrasos na tramitación das plantas renovables. De feito, tan só avaliáronse pola vía exprés 3,5 proxectos ao mes, moi lonxe da axilización masiva prometida polo executivo.