* Amigas da Terra publica o informe “Alargascencia: beneficios ambientais de alongar a vida útil de teléfonos móbiles e portátiles en España” no que calcula aforro de CO2, enerxía e miner
* Nun dos momentos máis consumistas do ano, o Black Friday, a organización ecoloxista demostra que é posible outro modelo de produción e consumo acorde aos límites planetarios
* Amigas da Terra demanda ao Goberno que implemente medidas de Alargascencia para combater a obsolescencia programada destes produtos e romper co excesivo poder dos grandes fabricantes e marcas.
Ás portas do Black Friday, unha das citas máis consumistas do ano, Amigas da Terra publica o informe “Alargascencia: beneficios ambientais de alongar a vida útil de teléfonos móbiles e portátiles en España”, que calcula o impacto que tería aumentar a vida útil destes dispositivos nunha redución de emisións de gases de efecto invernadoiro, aforro de enerxía e unha menor necesidade de minería.
O informe, realizado por Amigas da Terra en colaboración co Instituto Enerxía e Eficiencia dos Recursos da Universidade de Zaragoza, calcula, por exemplo, que se se duplica a vida útil de móbiles e portátiles poderíanse evitar ata 28 millóns de toneladas de CO2 eq. ata o ano 2040, o que equivale ás emisións anuais de 17.000 vehículos privados. En escenarios de aforro máis modestos, alongar a vida dos móbiles novos e en circulación dous anos e medio supoñería deixar de emitir o C02 que producen 4.000 coches nun ano (6,6 millóns de toneladas de CO2 eq. ata 2040).
A investigación pon cifras aos problemas que causa a sobreproducción tecnolóxica no modelo económico actual. A fabricación de aparellos como teléfonos intelixentes e computadores portátiles disparouse desde finais do século XX. A xeración de residuos creceu ao mesmo ritmo debido á vida útil tan corta destes produtos. Actualmente un smartphone é refugado de media aos 3,5 anos de vida e un computador portátil aos 6 anos. Esta substitución non se debe en xeral a fallos físicos do produto, senón ao que se coñece como “obsolescencia programada”, as técnicas e estratexias que grandes fabricantes e marcas usan para incitar á persoa consumidora a cambiar os seus dispositivos por outros novos.
Pola contra, promover a “Alargascencia” (implementar medidas para alongar a vida útil destas tecnoloxías) supón beneficios non só á hora de afrontar a emerxencia climática senón no aforro de enerxía. Por cada ano que se alongue a vida útil dun smartphone redúcese o consumo de enerxía en 1.389 GWh (entre 2024 e 2040), o que equivale ao consumo eléctrico anual dunha cidade do tamaño de Zaragoza (425.000 fogares).
Minerais críticos para a transición enerxética e dixital
Manter as tecnoloxías máis tempo en uso ten un impacto obvio no aforro de minerais. Móbiles, portátiles e outras tecnoloxías da comunicación necesitan cada vez unha maior cantidade e diversidade de minerais. Só a placa electrónica dun smartphone contén 54 dos 118 elementos da táboa periódica. Estes minerais proveñen de operacións de minería moi contaminantes, que causan graves danos á natureza e as poboacións locais, tanto dentro como fóra de España, principalmente nos países do Sur global.
“Temos un sistema tan irracional que estamos a impulsar algo sumamente contaminante como a minería mentres toneladas de minerais críticos son desperdiciados en vertedoiros e incineradoras, danando á contorna e ás persoas”, afirmou Adriana Espinosa, responsable de recursos naturais e residuos de Amigas da Terra. “É crucial aumentar a reciclaxe de metais, que hoxe está en niveis irrisorios”, insiste Espinosa, “pero tamén debemos aproveitar máis as tecnoloxías en curso”.
Segundo o informe, se se amplía un ano a vida útil dos móbiles e a dos portátiles un ano e medio poderiamos evitar a extracción de case 5 toneladas de ouro ata 2040. Isto equivale a 3 veces a produción anual media de ouro en España entre os anos 2011 e 2021. Ademais, dos metais que contén un smartphone na súa placa, 35 son considerados fundamentais ou estratéxicos pola Unión Europea.
Ao alongar a vida útil dos móbiles tan só un ano poderíanse aforrar 29 toneladas de litio de aquí a 2040, o que equivale ao litio contido en máis de 4.000 baterías estándar de coche eléctrico.
“Alongar a vida útil dos dispositivos electrónicos permite aforrar minerais escasos e necesarios para acabar co uso de combustibles fósiles, como a produción de enerxía renovable en mans da cidadanía”, afirmou Espinosa. Aumentar un ano e medio a vida dos portátiles permitiría aforrar a cantidade de neodimio (un tipo de terras raras) necesaria para fabricar 1.416 aeroxeradores de 3MW. Para poñer este dato en perspectiva, calculouse que fan falta 15 aeroxeradores de 3MW para abastecer de enerxía a 20.000 familias.
“Urxe atallar a voracidade de minerais de Europa e acabar co sistema de dominación colonialista e extractivista no que se basea”, apunta a portavoz da organización, quen sinala que, mentres abordamos este cambio de paradigma, hai medidas de curto prazo que poden ter un impacto.
Por iso, Amigas da Terra demanda ao Goberno que implemente medidas de Alargascencia para combater a obsolescencia programada destes produtos e romper co excesivo poder dos grandes fabricantes e marcas. Medidas que obriguen ás empresas para fabricar produtos duradeiros e fáciles de reparar, así como a garantir un dereito universal á reparación para as persoas consumidoras.