Este luns 25 de novembro da comezo no Morrazo a última edición do ano dos cursos de Mestria en compostaxe.

Contaremos coa colaboración da asociacion Doa Saude Mental e traballaremos cun grupo de 15 mozas e mozos en situación de risco de exclusión social, capacitandoas para poder desenvolver o perfil profesional de mestra e mestre composteiro.

Este programa de mestría en compostaxe, que busca crear postos de emprego, supón por unha banda unha alternativa real de emprego para persoas en situación de especial vulnerabilidade, tales como mulleres, persoas entre 35 e 45 anos, residentes en zonas rurais e/ou áreas protexidas, persoas migrantes, persoas con diversidade funcional, entre outros colectivos. E por outro ofrecer solucións á problemática ambiental na xestión de residuos, cumprindo coa obrigatoriedade de recoller de xeito separado a fracción orgánica dos residuos municipais e xestionala preferentemente mediante compostaxe.

Con este proxecto estamos apostando pola creación dun tipo de emprego que favorece unha transición ecolóxica á vez que aporta respostas aos colectivos máis vulnerabilizados da sociedade, persoas con dificultade para acceder ao mercado laboral. Este é o enfoque ecosocial que se debe priorizar nas políticas municipais.

A temática que se desenvolverá nos cursos abordará o ciclo completo da fracción orgánica dos residuos, desde a súa recollida en orixe ata a súa xestión, mediante compostaxe doméstica e comunitaria fundamentalmente, e a aplicación do produto final, que pode dar lugar á creación de proxectos en colaboración con outras entidades como a rexeneración de espazos degradados ou a creación de hortas ou de zonas verdes.

Ademais abordaranse outros aspectos como a xestión dos residuos en función dos territorios, poñéndoa en relación co contexto de emerxencia climática e coa lexislación que lle aplica, sen obviar a educación ambiental, os riscos laborais e a mención a outras formas de compostaxe descentralizada.

O curso consta de 8 módulos teóricos e dúas xornadas de prácticas e visitas a proxectos e desenvolverase en Cangas, Marin e Poio

 

Proxecto financiado a cargo da asignación do 0.7% do IRPF da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia