Plataformas de toda a península celebramos en Touro o terceiro encontro contra os impactos sociais e ambientais da minería
O evento, no que participamos e colaboramos Amigas da Terra, está organizado por Ecoloxistas en Acción coa colaboración do Observatorio Ibérico da Minería e a plataforma veciñal Mina O Pino–Touro Non, terá lugar no municipio de Touro (A Coruña) desde o venres 1 ata o domingo 3 de novembro.
Participarán máis de medio centenar de representantes de numerosas plataformas de toda a península ibérica que loitan nos seus territorios contra os graves impactos do extractivismo mineiro.
Touro foi a localidade escollida para celebrar o terceiro encontro ibérico sobre os impactos sociais e ambientais da minería. O encontro está organizado por Ecoloxistas en Acción coa colaboración do Observatorio Ibérico da Minería, Amigas da Terra e a plataforma veciñal Mina O Pino–Touro Non. Trátase da terceira edición deste espazo de reflexión, aprendizaxe e convivencia no que participaremos máis de medio centenar de representantes de distintos movementos, plataformas e colectivos implicados na resistencia a proxectos mineiros de España e Portugal.
Durante tres días, do 1 ao 3 de novembro, os colectivos efectuaremos unha posta en común dunha situación apremiante e elaborarán estratexias de coordinación e apoio mutuo. Tamén haberá distintos talleres de formación, charlas e debates sobre estratexias de defensa do medio ambiente e alternativas á minería. Presentarase o proxecto de creación dun Foro internacional contra o extractivismo, ao que xa se están sumando organizacións de varios continentes. Por último, expoñeranse os avances do Observatorio Ibérico da Minería, un proxecto apoiado polo Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, que mapea as malas prácticas do sector e que conta xa con máis de 100 casos documentados.
A localidade galega de Touro acolle este evento por ser unha zona xa moi degradada pola actividade mineira, na que pretenden reabrir un proxecto mineiro que consideran calcado ao proxecto anterior que foi denegado en 2020 cunha declaración de impacto ambiental negativa polos seus previsibles impactos sobre o sistema fluvial do río Ulla.
Unha reapertura da explotación mineira que agora conta coa recente declaración de Proxecto de Interese Estratéxico por parte da Xunta de Galicia, a pesar de que, como sinala Ecoloxistas en Acción, lonxe de emendar o proxecto anterior, Atalaia Mining e o seu filial Cobre Santo Rafael volven poñer sobre a mesa unha enorme balsa de 23 millóns de metros cúbicos de residuos tóxicos con 1,6 quilómetros de lonxitude e unha altura similar á da Catedral de Santiago.
As organizacións denunciamos ademais que o depósito de residuos da mina de Touro estaría a menos de 500 metros do núcleo de poboación Arinteiro cuxa poboación sería aniquilada en caso dun accidente. De feito, sinalamos que a instalación proposta sería ilegal en países como Brasil, Ecuador ou China.
Por iso, anunciamos que coa realización do encontro en Touro pretendemos apoiar e alentar á plataforma veciñal que trata de impedir a fraude que supón declarar como proxecto industrial estratéxico unha proposta que xa foi declarada ambientalmente inviable. Alertamos que a declaración como proxecto estratéxico supón reducir á metade os prazos da tramitación, a non suxeición aos títulos habilitantes urbanísticos, a declaración de interese social a efectos expropiatorios e a concesión de subvencións sen concorrencia competitiva, co que se pretende unha tramitación exprés que impida a participación pública e que os organismos sectoriais non dispoñan de tempo suficiente para emitir os seus informes.