Amigas da Terra e a Asociación de Mujeres Defensoras de la Vida (AMDV) levan a cabo un proxecto de defensa dos dereitos das mulleres en 12 comunidades rurais do municipio de Orocuina, no departamento de Choluteca, Honduras.

Este municipio conta con altos índices de violencia contra mulleres e nenas, que se suman á escaseza de emprego e oportunidades económicas, o que condiciona a vida e o futuro de moitas mulleres destas comunidades.

Así mesmo, a variabilidade climática, que provoca inundacións en inverno e prolongadas secas o resto do ano, afecta á producción agrícola e o sustento de moitas familias.

O proxecto, financiado pola Deputación de Pontevedra, aborda estas problemáticas dende un enfoque integral. O foco principal é a prevención e atención da violencia de xénero e a xeración de alternativas económicas para as mulleres rurais.

A través da participación social e incidencia política das mulleres fortalécnese as capacidades da Oficina Municipal da Muller e a Rede de Mulleres de Orocuina e ofrécese formación a promotoras e conselleiras legais comunitarias que acompañan a mulleres vítimas de violencia machista.

Doutra banda, lévanse a cabo formacións en agroecoloxía e en comercialización e venda para que as mulleres poidan levar a cabo pequenos emprendementos económicos a través da venda de alimentos ecolóxicos en mercados locais e nunha plataforma virtual.