Representantes da plataforma Ulloa Viva, xunto con membros de Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción e Greenpeace, reuníronse no Congreso con Cristina Narbona, presidenta da Comisión de Transición Ecolóxica, para informarlle sobre os graves impactos ambientais que causaría a instalación dunha macro fábrica de celulosa na comarca da Ulloa.
Ecoloxistas e veciñanza da Ulloa pedíronlle a Cristina Narbona que non se financie con diñeiro público un proxecto tan nocivo tanto para o medio ambiente como para a economía tradicional da zona.
Á presidenta da Comisión de Transición Ecolóxica quedoulle constancia do rexeitamento maioritario da poboación á macrocelulosa de Altri. Unha oposición visible na xeira de manifestacións masivas celebradas o último mes e que ten continuidade coa cadena humana que rodeará a Xunta este domingo 30 de xuño.
Representantes da plataforma Ulloa Viva, xunto con membros de Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción e Greenpeace, reuníronse no Congreso con Cristina Narbona, presidenta da Comisión de Transición Ecolóxica, para informarlle sobre os graves impactos ambientais que causaría a instalación dunha macro fábrica de celulosa na comarca da Ulloa. Neste encontro, ademais de informar a Narbona do “nocivo” deste proxecto, pedíronlle o seu apoio para que non se financie con cartos públicos.
A empresa, da man da Xunta de Galicia, quere financiar o 25% do proxecto con cartos públicos, do PERTE da descarbonización. Na xuntanza, os representantes das organizacións ecoloxistas Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción e Greenpeace sinaláronlle a Narbona que “piden 250 millóns de euros dos cartos de todos para unha industria contaminante, e queren ademáis uns fondos que son precisamente para todo o contrario, con condicións claras na súa regulación de apostar por non danar o territorio, a economía circular, a protección da biodiversidade e da saúde”.
A modo de exemplo lembraron que Altri non inclúe no seu EIA a súa pegada de carbono, pero o propio CEO da empresa recoñeceu que serán máis de 100.000 toneladas de CO2 ao ano.