No sur de Honduras, Amigas da Terra está a desenvolver un proxecto coa Asociación de Mujeres Defensoras de la Vida (AMDV) que está a transformar vidas grazas das mulleres rurais. No primeiro ano, beneficiáronse directamente 715 persoas, das cales 423 son mulleres, 38 homes e 141 nenas e 113 nenos menores de 5 anos.

O primeiro dos resultados esperados do proxecto que aquí imos destacar ten que ver co fortalecemento das capacidades das redes municipais de mulleres, as oficinas municipais da muller (OMM) e os movementos feministas para a participación cidadá e a incidencia política ante as autoridades municipais e os operadores de xustiza. das mulleres dos municipios de El Corpus e Orocuina.

No municipio de El Corpus, destacamos a conformación da Mesa Municipal de Orzamentos Sensibles ao Xénero (unha das primeiras en todo o país), lográndose importantes acordos para mellorar a asignación de fondos nos orzamentos municipais. Tamén se elaborou o Regulamento Interno da Rede Municipal de Mulleres aprobado nunha asemblea na que se socializaron tamén o Plan de Acción para implementar a Política Municipal de Xénero e o Plan Operativo Anual.

No municipio de Orocuina, realizouse un Cabildo Aberto de Mulleres onde se aprobou a Política Municipal de Xénero actualizada e o Plan Operativo Anual 2024 da OMM. Así mesmo, se socializaron a Axenda das Mulleres para o acceso aos seus dereitos e unha Estratexia de Comercialización Diferenciada para as emprendedoras rurais que están desenvolvendo pequenos negocios agroecolóxicos.

En ambos os municipios fixéronse públicos os resultados do proceso de Auditoría Social á aplicación da Lei Contra a Violencia Doméstica, que consistiu en formación de promotoras e conselleiras legais para acompañamento a vítimas de violencia machista, xiras para o levantamento de información nas instancias operadoras de xustiza (Policía, Xulgados de Paz e Módulo de Atención Integral Especializada sobre Violencia de Xénero), reunións para a análise da información recompilada e foros ou cabidos abertos para a socialización dos resultados ante as autoridades municipais.

En coordinación coa Rede Municipal de Mulleres de El Corpus, capacitáronse 20 Promotoras e Conselleiras Legais Comunitarias. Estas promotoras e conselleiras teñen como obxectivo brindar acompañamento a sobreviventes de violencia nas súas comunidades. Para iso, realizouse en El Corpus un diagnóstico sobre a situación de violencia de xénero en catro comunidades rurais. En Orocuina, iniciouse tamén o deseño dun roteiro da denuncia para o apoio a sobreviventes de violencia.

A nivel rexional, avanzamos na xestión do Xulgado Especializado de Atención á Violencia Doméstica, en coordinación coa Rede Rexional de Mulleres do Sur (RRMSUR) e o Comité Interinstitucional de Xustiza Penal. Este Xulgado solicitado para a cidade de Choluteca ten como fin dar unha maior celeridade e prioridade ao acceso á xustiza das mulleres vítimas de violencia que en moitos casos son discriminadas e revictimizadas nas instancias operadoras de xustiza na zona sur de Honduras.

Para promover os dereitos civís, políticos, económicos, sociais, ambientais e culturais das mulleres participamos en campañas como os 16 Días de Activismo Contra a Violencia de Xénero e foros desenvolvidos en datas como o Día da Muller Rural, o Día Internacional da NON Violencia Contra a Muller e o Día Internacional dos Dereitos Humanos, incluíndo marchas e presentacións artísticas para sensibilizar á poboación e esixir ás autoridades o cumprimento das demandas das mulleres e a igualdade de oportunidades.

Para facilitar a sensibilización das autoridades e a poboación, en especial a mocidade, está a impulsarse un proceso de fortalecemento das capacidades dun grupo de mulleres novas do Movemento de Acción Feminista de Santa Ana de Yusguare para o deseño de guións metodolóxicos de obras teatrais e outras expresións lúdico-artísticas sobre dereitos das mulleres, violencia de xénero, coidado dos bens comúns e soberanía alimentaria. Estas obras son interpretadas en actos públicos e este grupo de mozas foi recoñecido polo Goberno de Honduras e convidado a participar nun evento internacional en Brasil.