A mediados de 2023 iniciamos un novo proxecto en Honduras, financiado pola Xunta de Galicia. As actividades realizadas ata a data contribúen a mellorar a participación das mulleres rurais na vida social e política e na prevención e atención da violencia de xénero.
No último trimestre do ano desenvolvéronse da man da Asociación de Mujeres Defensoras de la Vida (AMDV) e a Red Regional de Mujeres del Sur (RRMSUR) múltiples actividades de formación, sensibilización, incidencia política e control social coas municipalidades, as redes de mulleres e outros colectivos destinatarios nos municipios de El Corpus e Orocuina.
Este proxecto contribúe a construír participativamente e dar seguimento á implementación das políticas, os plans de acción, as axendas das mulleres e os orzamentos de xénero. As redes municipais de mulleres e outros grupos comunitarios realizaron importantes achegas durante a actualización da política municipal de igualdade de xénero e a elaboración do Plan Operativo Anual (POA) da Oficina Municipal da Muller (OMM) en ambos os municipios. Logrouse organizar por primeira vez un Cabildo Aberto de Mulleres en Orocuina, no cal foi socializado e aprobado o POA 2024 da OMM xunto coa política de igualdade de xénero e un plan de comercialización diferenciada para mulleres produtoras e emprendedoras nun mercado verde municipal. Ademais, elaboráronse os Regulamentos Internos da Red Municipal de Mujeres e da Mesa Municipal de Presupuestos Etiquetados de Género de El Corpus.
Durante a Campaña dos 16 Días de Activismo para a erradicación da violencia contra as mulleres e as nenas, desenvolvéronse actividades de sensibilización en conmemoración do Día Internacional da Non Violencia contra a Muller e de incidencia política contra a violencia de xénero ante as autoridades municipais e as instancias operadoras de xustiza. Nas actividades de sensibilización, promovemos espazos lúdico-artísticos (teatro, performance, cancións, poesías…) para o que se estivo capacitando un grupo de 12 mulleres novas do Movimiento de Acción Feminista (MAF) nun proceso que inclúe a formación e construción de obras sobre xustiza de xénero, protección dos bens comúns e gobernanza comunitaria da auga, soberanía alimentaria e empoderamento económico das mulleres, as cales son presentadas en conmemoracións de datas emblemáticas. Por exemplo, na marcha para a conmemoración do Dia Internacional da Non Violencia contra a Muller en Choluteca, nos Cabidos Abertos de Mulleres en El Corpus e Orocuina e na Feira Ambiental e pola Igualdade de Xénero desenvolta en Santa Isabel, as mozas do MAF presentaron un novo performance chamado “Iguales”, o cal xa foi visto por máis de 900 persoas. No foro para a clausura da Campaña dos 16 Días de Activismo, María Castro Serantes, cooperante e escritora galega, presentou a súa experiencia de vida e o seu libro “Resistencias: Historias de mujeres que cambian el mundo” na cidade de Choluteca.
Dentro das actividades de incidencia política, socializouse o proceso de control social á Lei Contra a Violencia Doméstica, o cal foi liderado polas promotoras e conselleiras legais que foron levantar a información ás Xefaturas Policiais, Xulgados de Paz e Oficinas Municipais da Muller dos municipios de El Corpus e Orocuina. Os resultados reflicten máis dun 10% de incremento nas denuncias por violencia de xénero realizadas en El Corpus. Con todo, en Orocuina as denuncias mantéñense en niveis baixos. Poderiamos concluír que isto demostra a importancia de promover unha cultura da denuncia coa formación de promotoras legais comunitarias como un mecanismo de mitigación, prevención e atención da violencia contra as mulleres e as nenas. No Corpus xa se conta con máis de 40 promotoras e conselleiras legais comunitarias formadas, polo que vemos necesario impulsar este mesmo proceso en comunidades do municipio de Orocuina.
Destácase a participación activa das institucións municipais e as Redes Municipais de Mulleres en todas as actividades e os espazos de concertación inter-institucional, resaltando o seu compromiso pola equidade de xénero, a soberanía alimentaria e o desenvolvemento económico local. Como resultado deste traballo, logrouse ata a data a inclusión de 39 accións da política de xénero e as demandas das mulleres nos orzamentos municipais etiquetados de xénero, así como a implementación de 12 destas accións durante o ano 2023.