Amigos de la Tierra, Ecologistas en Acción, Greenpeace, SEO/BirdLife e WWF solicitamos coordinación entre administracións e transparencia sobre o impacto ambiental da vertedura de pellets plásticos do buque Toconao, que está a chegar ás costas galegas e do Cantábrico

Consideramos que é necesario tomar medidas urxentes e rigorosas pola gran dispersión destes microplásticos e o seu potencial impacto sobre a biodiversidade, especialmente ao existir indicios de toxicidade, tal como comunicou a Fiscalía de Medio Ambiente

Millóns de gránulos de plásticos de menos de cinco milímetros (pellets) levan semanas chegando á costa galega e xa chegaron á costa asturiana. O buque de bandeira liberiana Toconao perdeu o pasado 8 de decembro un contedor que transportaba 1.050 sacos de 25 quilos deste produto fronte á costa portuguesa de Viana do Castelo.

Nova crise ambiental na costa galega

Ante este novo desastre ambiental, as organizacións ecoloxistas reclamamos coordinación entre as administracións na súa resposta ante a vertedura polo seu grave impacto ambiental así como polo potencial perigo para a saúde humana.

Cualificamos a situación como grave para o medio ambiente, e agora que as catro comunidades autónomas afectadas, —tanto a Xunta de Galicia que activou o nivel 2 do Plan de Continxencias en Galicia (Camgal), así como Asturias, Cantabria e País Vasco que activaron os seus—, solicitamos colaboración entre as administracións para resolver o problema ambiental e que non se repita o pesadelo na xestión dunha crise ambiental.

A nova crise ambiental que vive a costa galega chega neste caso en forma de microplásticos. Os pellets de plástico PET son pequenos gránulos (menos de cinco milímetros) que se usan como materia prima para a produción de plásticos. Millóns destes pellets levan semanas chegando á costa galega, estendéndose o problema, nestes momentos, a Asturias, mentres que Cantabria e País Vasco atópanse en estado de prealerta e activaron xa os seus plans de emerxencia. A nova crise ambiental terá consecuencias aínda por determinar pero ilustra o problema global causado pola dependencia aos plásticos e mostra a urxencia da aprobación do Tratado Global contra a Contaminación por Plásticos que está nestes momentos en negociación polo Grupo de Traballo de Nacións Unidas.

A grave ameaza dos microplásticos nos ecosistemas mariños mundiais

A contaminación por plásticos e outros lixos mariños converteuse nunha das principais ameazas sobre os ecosistemas mariños a nivel global. A Universidade Estatal de Florida estima que máis de 17 millóns de toneladas de plástico entraron nos océanos do mundo no ano 2021, e esa cifra aumenta cada ano. Só en Europa estímase que preto de 160.000 toneladas de pellets plásticos chegan ao ambiente terrestre e mariño cada ano e segundo publicou The Guardian en todo o mundo as cifras chegan ás 230.000 toneladas ao ano no mar.

A presenza de microplásticos nos océanos ten consecuencias devastadoras para a vida mariña e os ecosistemas acuáticos. Estes diminutos fragmentos de plástico infiltráronse en todos os niveis da cadea alimentaria mariña, desde organismos planctónicos ata grandes mamíferos mariños. Esta contaminación conleva desde danos físicos como microlesions nos tecidos internos (a chamada “plasticosis”) ata a bioacumulación de contaminantes tóxicos. Tamén poden facilitar a entrada de virus e bacterias no organismo ao estar adheridos aos microplásticos. A contaminación tamén altera a estrutura e o funcionamento dos ecosistemas mariños, afectando á biodiversidade e desencadeando cambios na distribución das especies.

A orixe dos microplásticos é diversa e pode tratarse tanto de microplásticos en orixe (como o caso dos pellets de Galicia) ou ben fragmentos de plástico cada vez máis pequenos que resultan da degradación progresiva de plásticos de maior tamaño.

As organizacións destacamos que debido á dificultade de colleitar o plástico dos océanos e a súa permanencia prolongada no medio ambiente, unha vez que entra ao mar é case imposible removelo. Máis aínda, o plástico continúa desintegrándose en microplásticos e logo en nanoplásticos , facendo case imposible a súa recuperación e afectando a todos os organismos mariños.

A loita por un Tratado Global que axude a reducir a contaminación por plásticos

O Tratado Global, actualmente en discusión, debería contemplar a redución global da produción de plásticos, a eliminación do uso dos aditivos máis perigosos para o medioambiente na súa composición, a redución de plásticos dun só uso, a procura de materiais alternativos máis sostibles así como a mellora da xestión dos residuos e o fomento da reciclaxe dos materiais plásticos. Así mesmo, débense fortalecer as medidas de seguridade no transporte de contedores para evitar a súa perda e os impactos asociados.

En outubro de 2023, a Comisión Europea publicou a súa proposta para reducir a contaminación por microplásticos, incluído este tipo de pellets . Esta proposta non é o suficientemente ambiciosa para minimizar a contaminación por plásticos pero abre unha oportunidade de establecer unha normativa acorde á magnitude do problema se o Parlamento Europea e Estados membro actúan con responsabilidade.

Demandas desde o movemento ecoloxista

Ante a crise ambiental xurdida nas costas galegas, as organizacións demandamos:

1. Reforzar a colaboración entre administracións

Coñécese a chegada destes pellets plásticos desde o 13 de decembro, mentres que a Xunta activou o Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental (CAMGAL) o pasado 5 de xaneiro, e non foi ata hoxe cando elevou a situación ao nivel de emerxencia que require a situación. Os protocolos están para aplicarse cando se dan as circunstancias. Dada a dispersión dos pellets, así como a dificultade e urxencia en retiralos, valoramos positivamente que se poidan reforzar os equipos de limpeza co novo nivel de alerta tal e como fixo Asturias.

Debería activarse urxentemente o plan de continxencia por contaminación mariña accidental ante as primeiras noticias do accidente do buque e a aparición hai case un mes nos primeiros días de tal volumes de microplásticos nas praias galegas.

2. Maior transparencia e información

As organizacións ecoloxistas observamos con preocupación a reacción da Xunta de Galicia ante a vertedura, que lembra amargamente á que tivo coa marea negra do Prestige en 2002 e 2003 e a falta de coordinación co Goberno central. Pedimos á Xunta rigor científico e transparencia. O Goberno galego debe contar co asesoramento dos prestixiosos grupos de investigación de contaminación mariña implantados en Galicia.

As organizacións pedimos que non se faga un uso partidista da catástrofe e que se unan forzas para loitar contra o impacto a longo prazo da vertedura, depurar responsabilidades e reforzar a normativa na produción, transporte e consumo de plásticos.

3. Mellor coordinación e aplicar boas prácticas na retirada da vertedura

Se as operacións de limpeza non se realizan adecuadamente segundo o tipo de hábitat afectado, o impacto no medio pode agravarse como se viu en moitas outras catástrofes por contaminación mariña. O CAMGAL prevé a recollida e regulación da actuación do voluntariado nas tarefas de resposta, diferenciando entre o voluntariado profesional do mar e o voluntariado non profesional nas operacións en terra. Os equipos de limpeza tanto profesionais como voluntarios deben estar ben coordinados, supervisados por persoas expertas en descontaminación e seguir as recomendacións establecidas.

4. Seguimento do impacto ambiental a longo prazo

O dano desta vertedura no ecosistema súmase a outras moitas presións ambientais que sofren as augas galegas. Debemos ter en conta as leccións do Prestige e outras catástrofes ambientais, asegurando un seguimento adecuado a longo prazo da presenza e impacto destes gránulos no ecosistema e a súa vida salvaxe; así como identificar posibles actuacións necesarias para a restauración dos hábitats.

Actuacións como a monitoraxe de praias para identificar presenza de plásticos (para o que existen recursos como a App Marnoba) ou de fauna abeirada (que pode recollerse na App ICAO), así como realizar necropsias sistemáticas á fauna abeirada, deberían implementarse de forma sistemática para poder contextualizar adecuadamente estes problemas. Ademais é importante á hora de valorar o dano ambiental causado e posibles indemnizacións por parte das empresas responsables da vertedura.

5. Investigación e depuración de responsabilidades

Celebramos a apertura de dilixencias por parte da Fiscalía de Medio Ambiente ante os indicios de toxicidade e posible delito ambiental. Consideran que a empresa armadora propietaria do buque portacontedores Toconao, con bandeira de Liberia, non pode quedar impune ante este presunto delito ambiental e como mínimo debe facerse cargo dos custos de restauración baixo a premisa “quen contamina paga”.