Nun momento no que os países europeos están a adoptar medidas para reducir a súa dependencia na subministración de materias primas, desde Amigas da Terra presentamos un informe onde analizamos como se podería reducir a demanda de minerais e aumentar a achega dos metais reciclados.

O informe demostra que adoptar medidas de economía circular e aforro podería diminuír ata a metade a necesidade de extraer novos minerais.

Publicamos hoxe o informe «Minerais para a Transición Enerxética e Dixital en España: demanda, reciclaxe e medidas de aforro», no que se calcula canto aumentará a demanda de minerais ao implementar os plans de transición enerxética e dixital en España de aquí a 2050, así como o potencial da reciclaxe e medidas de economía circular e aforro para cubrir parte da mesma.

O aforro e á economía circular medidas básicas para frear o extractivismo

Na investigación que presentamos, elaborada polo Instituto de Investigación Mixto CIRCE da Universidade de Zaragoza, demóstrase que cunha aplicación de medidas de economía circular e aforro poderíase cubrir a demanda acumulada de minerais ata 2050 nun 67% a partir de materiais reciclados. En total, ao diminuír a demanda e aumentar a contribución da reciclaxe, lograríase reducir case á metade a extracción de minerais para o conxunto das tecnoloxías.

Segundo o informe, a principal fonte do aumento da demanda de minerais non son as tecnoloxías de enerxía renovable, senón a mobilidade, principalmente o coche eléctrico. A mobilidade eléctrica domina a demanda de metais e é responsable do 79% da demanda acumulada entre 2020 e 2050 de terras raras (disprosio e neodimio), fronte ao 16% que proviría das tecnoloxías para a produción de enerxía eólica. Así mesmo, o vehículo eléctrico é responsable do 54-58% da demanda acumulada de aluminio e cobre, ou do 73-92% de manganeso, cobalto, níquel e litio.

Que se está facendo desde Europa

Nun momento no que os países europeos están a adoptar medidas para aumentar a súa autonomía no acceso aos recursos minerais, este estudo é clave para calcular canto se podería reducir a demanda e a necesidade de abrir novas minas. A Unión Europea aprobou que para 2030, o 10% do consumo anual europeo de minerais considerados “estratéxicos” será extraído de chan europeo. Ao mesmo tempo, está a intensificar os esforzos para diversificar a subministración de minerais desde terceiros países (como o acordo asinado con Chile, país rico en litio e cobre). Neste contexto, a nova lexislación europea axiliza os permisos para proxectos considerados estratéxicos, incluíndo proxectos mineiros, facilítalles financiamento e rebaixa os estándares ambientais en aspectos como a protección de espazos naturais ou a auga.

Fronte a aposta das institucións por unha actividade con probados impactos sobre o medio ambiente e os dereitos humanos como é a minería, este informe demostra que adoptar medidas para impulsar realmente a reciclaxe de metais, así como medidas de aforro, poderían reducir de forma significativa a demanda e, por tanto, a necesidade de extraer novos minerais do chan.

Conclusións do informe

Así, o estudo conclúe que unha combinación de medidas de economía circular e suficiencia lograrían reducir un 34% a demanda para o conxunto de metais analizados e un 50% para o caso de metais clave como o litio. Alongar a vida útil das tecnoloxías, mellorar e acelerar a reciclaxe de metais, limitar o tamaño das baterías de coches eléctricos e fomentar a súa reutilización, e reducir a frota de vehículos privados aumentando o número de autobuses, son as medidas contempladas, e coas que se cubriría o 67% da demanda de minerais con metais reciclados.

Segundo o estudo, a mobilidade eléctrica ten máis peso na demanda de minerais que ningunha outra tecnoloxía na transición enerxética e dixital. Así, as medidas relacionadas coa mobilidade son as que teñen un maior impacto na redución desta demanda. Neste sentido, diminuír a frota de vehículos privados en circulación (alcanzando en 2050 unha frota de turismos tres veces menor que a actual) e aumentar a de autobuses eléctricos reduciría a demanda entre un 10 e un 25% segundo o metal analizado; así mesmo limitar o tamaño das baterías de vehículos reduciría a demanda entre un 3 e un 14%.

A investigación tamén aborda a perspectiva de xustiza global, é dicir, en termos de repartición equitativa dos recursos dispoñibles a nivel global. Este informe demostra con datos concretos que o enfoque europeo non sería extrapolable aos países do Sur, non habería minerais para todos. Para lograr unha transición enerxética xusta e sostible, non basta con substituír unhas fontes de enerxía de orixe fósil por enerxías renovables. É imprescindible reformularnos o noso modelo de produción e consumo.

Instamos ao Goberno a tomar nota das conclusións do estudo e a aplicar as propostas dadas á hora de implementar a Folla de Ruta para a Xestión Sostible das Materias Primas Minerais e na reforma da Lei de Minas franquista. Estas políticas deben estar á altura da crise ecosocial que vivimos. A redución da frota de vehículos privados, a aposta por alongar a vida útil das tecnoloxías, a aplicación de sistemas de reciclaxe adecuados son medidas posibles para lograr unha transición enerxética xusta coas persoas e que respecte os límites planetarios.

 

«Minerais para a Transición Enerxética e Dixital en España: demanda, reciclaxe e medidas de aforro»

Representación gráfica dos resultados obtidos no informe a través de diagramas Sankey «Minerais para a transición enerxética e dixital en España: demanda, reciclaxe e medidas de suficiencia»