Amigas da Terra quere mostrar a súa solidariedade e condolencias con todas as vítimas da violencia en oriente medio. Queremos facer un chamamento á legalidade internacional e á “non violencia” como a única solución viable entre Israel e Palestina. O uso da violencia só trae máis morte e máis dor.
Amigas da Terra non cuestiona o dereito de Israel a existir como país, pero tamén apoiamos a libre determinación do pobo palestino nos territorios ocupados por Israel desde a guerra de 1967. Opoñémonos firmemente á presenza militar de Israel e ás actividades ilegais de asentamento nos Territorios Ocupados.
Por iso, manifestamos a nosa solidariedade coas persoas que “sobreviven” na Franxa de Gaza e nos territorios ocupados. Lembramos que a situación extrema que viven uns 2 millóns de persoas, case a metade nenas e nenos, é froito do apartheid perpetrado por Israel contra a poboación palestina, un crime contra a humanidade. Israel somete á poboación a privación de auga potable, electricidade así como nega a soberanía sobre os seus propios recursos naturais. As violacións de dereitos humanos cometidas contra a poboación civil en Gaza como as detencións arbitrarias, os asasinatos, as torturas ou os desaloxos forzosos, son sistemáticas. O 80% da poboación depende de asistencia humanitaria, o 68% padece inseguridade alimentaria e o 69% das mozas están desempregadas. Condenamos o bloqueo da franxa de Gaza e esiximos que calquera outra medida indiscriminada debe rematar.
É ilegal, é inhumano e é inmoral. Facemos un chamamento ao goberno de España e as autoridades da UE para que adopten unha postura que contribúa a procura dunha saída pacífica ao conflito. A comunidade internacional debe condenar o asedio e os bombardeos masivos en Gaza, os ataques a edificios civís, ambulancias e mesmo edificios da Axencia da ONU para os Refuxiados en Palestina (UNRWA), accións que constitúen crimes de guerra. Criticamos calquera sanción unilateral por parte da UE ou do goberno de España que non conte co respaldo da Nacións Unidas no seu conxunto.
Esiximos o regreso das partes ás negociacións baixo a base do establecido polas nacións unidas na Resolución 67/19 (2012) das Nacións Unidas: “a consecución dos dereitos inalienables do pobo palestino e a consecución dunha solución pacífica en Oriente Medio que poña fin á ocupación que comezou en 1967 e que cumpra a visión de dous Estados: un Estado de Palestina independente, soberano, democrático, contiguo e viable que viva a lado, en paz e seguridade con Israel sobre a base das fronteiras anteriores a 1967”.
Por todo iso chamamos á mobilización da sociedade civil en solidariedade, pola paz e contra a ocupación en Palestina.
Mais información:
* O apartheid palestino como crime de lesa humanidade, por HRW: https://www.hrw.org/es/news/2021/04/27/las-practicas-abusivas-de-israel-constituyen-crimenes-de-apartheid-y-persecucion
* Violacións dos DDHH en Gaza: Nakba ambiental: Inxustiza ambiental e violacións de dereitos perpetradas pola ocupación israelí en Palestina. FOEI 2012 https://www.foei.org/es/publicaciones/nakba-ambiental-injusticia-ambiental-y-violaciones-de-derechos-perpetradas-por-la-ocupacion-israeli-en-palestina/
* Sobre os crimes de Israel, o apartheid como un feito consolidado, e ortas violacións (desaloxos forzosos, torturas, #etc): Amnistía: https://www.amnesty.org/en/location/middle-east-and-north-africa/israel-and-occupied-palestinian-territories/report-israel-and-occupied-palestinian-territories/
* Ataques aos edificios da oficina da ONU Para refuxiados: https://twitter.com/UNRWA/status/1711682120005861647
e na web: