O inverno tráelle malos recordos a dona Juana Andrade da comunidade El Nancital 2, en San Francisco do Norte, situada a 213 quilómetros da capital Managua, Nicaragua, e moi preto da fronteira con Honduras.

O acceso vehicular cara El Nancital 2 era moi complicado polo mal estado do camiño que conecta coa estrada, e máis en época chuviosa. Isto prexudicaba grandemente a produción e comercialización de ovos, pitos e porcos que tiña xunto a outras 11 mulleres.

“Cando sacabamos os ovos para vender crebábansenos polo mal estado dos camiños. Ás veces saíamos cos ovos en baldes sobre a cabeza a pé nesas lameiras e cando chegabamos á estrada o bus que vai a San Francisco xa pasara”.

A obtención do alimento das galiñas poñedeiras e porcos, tamén era un problema; os provedores non podían entrar á comunidade. E aínda que a demanda de ovos frescos e porcos locais era boa, tiveron que pechar debido ás perdas ocasionadas polo mal estado do camiño.

Actualmente, dona Juana está agrupada na Cooperativa Agropecuaria de Mujeres Emprendedoras de San Francisco del Norte, R.L. (COOPAMESFN) e ten moitas ganas de mellorar a súa economía familiar. Este ano as 12 socias construíron un novo alpendre para engordar animais.

Nos últimos meses aprenderon sobre crianza de porcos en intercambios de experiencia promovidos pola Asociación para el Desarrollo del Norte de Chinandega (ADENOCH); isto animounas moito a emprender novamente e mellorar os seus ingresos.

ADENOCH e Amigas da Terra están a cambiar a situación de Juana e outras 121 produtoras e produtores de camarón e porco (66% delas mulleres) de 5 municipios do norte de Chinandega: Somotillo, Cinco Pinos, San Pedro del Norte, San Francisco del Norte e Santo Tomás del Norte; cun investimento que supera o 500 mil córdobas, provenientes do Fondo Galego.

O apoio ás familias rurais de Chinandega Norte, chega a través do Proxecto “Mellora da produtividade e a xestión ambiental das áreas naturais vinculadas á actividade acuícola e porcina de Chinandega, coa participación da comunidade escolar”, executado por ADENOCH e Amigas da Terra.

Imos mellorar a capacidade produtiva de granxas acuícolas e porcinas. Ademais, traballaremos na xestión das zonas naturais vinculadas a estas granxas”, dixo Alvaro Rodríguez, director de Amigos de la Tierra España, durante a súa recente visita ás comunidades El Nancital 2 e El Guasimal, en San Francisco do Norte.

Cristina Hernández da Comunidade El Guasimal hai dous meses emprendeu, xunto con outros produtores, na crianza de porcos para ter mellores ingresos. “Somos familias pobres e necesitamos outros ingresos. A comercialización de grans básicos non nos dá, o intermediario queda coa maior parte (da ganancia). Cremos que a venda de porcos axudaranos co sostén do fogar”.

Entre os cincos construíron un cortello para a crianza de oito porcos doados por ADENOCH. Cada un achegou 17 mil córdobas á infraestrutura, que aseguran que non foron fáciles de obter tendo en conta a situación económica que viven as familias rurais no corredor seco.

“Tivemos que aforrar por varios meses para dar a achega cada socio. Un de nós tivo que vender moitos quintales de millo para completar a súa cota. Logo puxémonos a construíla (o cortello) entre todos, non tiñamos para a man de obra; fixémola como puidemos e agora témola engordando aos porcos”, explicou Hernández.

Pola súa banda, o grupo de dona Juana xa está listo, só esperan que ADENOCH lles entregue os animais, algúns equipos e insumos, para iniciar coa crianza; aproveitando que o camiño está mellor e esta vez, contarán con asistencia técnica.

Segundo Elder Andrade de ADENOCH, decidiron priorizar ás familias que co seu propio esforzo construíron os cortellos, entregándolles animais, insumos, equipos e asistencia técnica. Ademais, están a promover intercambios de experiencias con produtores con maior capacidade de Somotillo para que logo poidan manexar por si mesmos/as as súas granxas.

O custo do alimento dos animais segue sendo elevado. É por iso que están “a promover o cultivo de hortalizas como complemento ao alimento e que os porcos poidan alcanzar rapidamente o peso ideal”.

Para mellorar a nutrición, tanto dos porcos como dos camaróns, van traballar en “aumentar a eficiencia na absorción de alimentos dos camaróns e incluír novos insumos á fórmula artesanal de concentrado de porcos”, detallou Rodríguez.

Xestión de micro concas

Como parte do proxecto, da man de produtoras/es, estudantes, docentes, técnicos de institucións e gobernos municipais, realizaránse unha serie de accións para xestionar a parte alta e baixa de Chinandega Norte.

Imos realizar xornadas de reforestación nas zonas naturais con especies forestais, froiteiras, leguminosas e de mangle. Na parte baixa e costeira, será na área protexida Estero Real, en coordinación coa Alcaldía de Somotillo. E na parte alta traballarase nas zonas de recarga hídrica de 6 comunidades dos municipios de San Francisco del Norte, Cinco Pinos, San Pedro del Norte y Santo Tomás del Norte.