No último trimestre deste ano daremos inicio aos novos proxectos de cooperación financiados pola Xunta de Galicia.
No caso de Honduras, seguiremos a traballar da man da Asociación de Mujeres Defensoras de la Vida (AMDV) nos municipios de El Corpus e Orocuina.
O proxecto, que se estenderá ata finais de 2024, pretende mellorar a situación das mulleres nestes dous municipios. En concreto, traballarase en 3 grandes eixos de acción: equidade de xénero, mellora da situación nutricional de persoas e familias vulnerables e promoción do desesenvolvemento económico local das mulleres rurais.
No primeiro ámbito está previsto reforzar as Redes Muncipais de Mulleres e Oficinas Municipais da Muller en El Corpus e Orocuina. Deste xeito, agárdase que estas redes podan facer incidencia para lograr a asignación e execución de orzamentos específicos de xénero nas súas comunidades. Tamén está previsto formar a mulleres que exercerán de conselleiras e promotoras legais comunitarias, acompañando a mulleres vítimas de violencia de xénero, e levar a cabo campañas de sensibilización sobre xustiza de xénero.
No ámbito de mellora da nutrición e a saúde, levarase a cabo un programa de formación en agroecoloxía (en concreto en cultivo bointensivo), grazas ao cal se establecerán 4 parcelas demostrativas de produción artesanal de sementes, 15 hortos biointensivos de referencia e 320 hortos familiares biointensivos manexados por mulleres rurais. Estas 320 familias tamén participarán dun monitoreo e programa de mellora da nutrición infantil (0 a 5 anos) e de mulleres embarazas e lactantes.
Por último, fortalecerase a independencia económica e o emprendemento das mulleres a través do impulso de negocios locais (8 individuais e 4 colectivos) liderados e autoxestionados por mulleres rurais.