140 familias da comunidade Los Playones de Catarina do municipio de El Viejo e pertencentes á Reserva Natural Delta Estero Real, estarán a producir camarón artesanal para mellorar os seus ingresos e calidade de vida nun proxecto financiado con fondos da Cooperación Galega.
Entre as cooperativas beneficiadas están a Cooperativa Camaronera Esterillo Negro, Cooperativa Camaronera Artesanal Monte Redondo, Cooperativa Camaronera Playa Hermosa e Cooperativa Camaronera El Puentecito.
As catro cooperativas están a xestionar 650 hectáreas, das cales a metade están dedicadas á produción de camarón artesanal e a superficie restante está a ser conservada como bosque de manglar para o resgardo e coidado da fauna local e migratoria.
Desde o ano 2017, o Ministerio do Ambiente e os Recursos Naturais (MARENA), o Ministerio de Economía familiar, Comunitaria, Cooperativa e Asociativa (MEFCCA) e o Instituto Nicaraguano da Pesca e Acuicultura (INPESCA), sumaron esforzos para entregar zonas de conservación ambiental do Estero Real ás familias locais co propósito de protexer a barreira natural de manglar e garantir unha produción sostible de camarón co menor impacto posible ás zonas mariño costeiras.
As accións de conservación da biodiversidade proveñen dos Plans de Xestión Ambiental de cada cooperativa, onde se establece a sementeira anual de candelillas (sementes de mangle) en zonas degradas, co acompañamento do MARENA, Amigas da Terra e Fundación Luchadores Integrados por el Desarrollo de la Región (LIDER).
Para Félix Gutiérrez, presidente da cooperativa El Puentecito, estas xornadas de reforestación son necesarias para enfrontar os efectos do cambio climático e as súas repercusións na sementeira do camarón, “a nosa produción depende do tipo de inverno que chegue, porque precisamos obter a osixenación suficiente e a temperatura adecuada (30-33 graos) nos nosos estanques”.
A tempada de choiva, o tipo de larvas, as condicións ambientais e o manexo adecuado da granxa, determinan se o ciclo produtivo será bo ou malo, “as catro cooperativas estamos a sementar 350 hectáreas, con rendementos esperados de 145.45 quilogramos por hectárea. Este ano esperamos unha colleita de 50,907 quilogramos para novembro”, dixo Gutiérrez.
Aínda que as colleitas poidan ter bos rendementos, as tallas alcanzadas son un problema durante a comercialización, “as nosas tallas e prezos foron baixos historicamente”, comentou María José Flores da Cooperativa Playa Hermosa.
“Imos rehabilitar os muros dos estanques, comportas e insumos para a produción destas cooperativas. Ademais, entregarémoslles equipos de vixilancia para levar un rexistro detallado dos parámetros físico-químicos da auga e que con esa información poidan (en todo momento) tomar decisións a partir dos cambios ambientais”, dixo Eduin Paniagua de Fundación LIDER. Outras tres cooperativas máis do municipio de Somotillo estarán a ser apoiadas durante o 2023.
Doutra banda, as camaroneiras artesanais en alianza coas Alcaldías Municipais e institucións de goberno contribuirán a xestionar mellor as áreas protexidas a través de accións de conservación dos recursos mariños e costeiros, especialmente o bosque manglar e as especies en perigo de extinción, e do manexo adecuado de plásticos.
As cooperativas do Estero Real son parte das 12 cooperativas pesqueiras e acuícolas dos municipios de El Viejo e Somotillo, que están a ser apoiadas por Amigas da Terra e Fundación LIDER, co financiamento da Cooperación Galega, para mellorar a súa produción, competir mellor no mercado local e incrementar os seus ingresos.