Amigas da Terra está a desenvolver dende finais do ano pasado un proxecto en Honduras para a mellora dos dereitos das mulleres. Por segundo ano consecutivo a Deputación de Pontevedra financia este proxecto que constitúe a segunda fase dunha intervención anterior.

Nesta fase, o obxectivo é consolidar as accións do anterior proxecto, grazas o cal se conseguiu mellorar a participación política e social na toma de decisións a nivel municipal e comunitario e elaborar un protocolo de actuación para o acompañamento de á sobreviventes de violencia. Tamén se realizou unha escuela demostrativa de produción agroecolóxica de alimentos nutritivos e se reduciron os índices de desnutrición. Por último, levouse a cabo un proceso de asesoramento técnico e financeiro a mulleres emprendedoras para a comercialización local dos seus produtos.

É preciso sinalar que a máis do 70% das mulleres rurais do municipio de El Corpus viven en situación de pobreza e pobreza extrema (máis do 53%). Ademais, trátase de comunidades cunha alta vulnerabilidade a nivel alimentario, climático-ambiental e socioeconómico e nun contexto con altos índices de inseguridade e violencia, especialmente, violencia de xénero. As limitacións de acceso a servizos básicos nas comunidades rurais e as escasas oportunidades de emprego xeran unhas enormes desigualdades de xénero e unha forte discriminación das nenas e mulleres.

A segunda fase do proxecto, ten avanzado en diferentes obxectivos que buscan mellorar as condicións de vida das mulleres e as nenas nas comunidades:

En primeiro lugar, estase a dar seguimento aos acordos xestionados pola Red Municipal de Mujeres para a implementación de orzamentos específicos de xénero e ao cumprimento de políticas públicas, propostas e demandas das mulleres. Neste eido, avanzouse ata o de agora na revisión e actualización do Plan Operativo Anual da Oficina Municipal de la Mujer (OMM) e a Red Municipal de Mujeres (RMM) para o ano 2023; a construción participativa do POA 2024 coa RMM e organizacións de mulleres con presenza no municipio (as nosas aliadas estratéxicas Asociación de Mujeres Defensoras de la Vida e a Red Regional de Mujeres del Sur) para a súa presentación ante a Corporación Municipal.

En canto á estratexia de prevención e atención da violencia de xénero as conselleiras e promotoras legais comunitarias puxeron en marcha o Protocolo de Seguridade para Defensoras de Dereitos Humanos e o Protocolo de Actuación para o acompañamento a mulleres sobreviventes de violencia. No primeiro semestre de 2023, as conselleiras e promotoras legais acompañaron 14 casos de mulleres vítimas de violencia. Para ter un maior impacto na redución dos elevados índices de violencia de xénero, está a desenvolverse unha escola de formación en cinco comunidades piloto seleccionadas pola RMM coa participación de 15 mulleres, quenes están a formarse en dereitos da muller e prevención e atención da violencia de xénero coa réplica dos coñecementos e experiencias adquiridas por parte das conselleiras e promotoras.

No eido da soberanía alimentaria, está a desenvolverse un proceso de reforzamento e profundización dos coñecementos dun grupo de 15 promotoras agroecolóxicas de 5 comunidades rurais coa posta en práctica dos 8 principios do método de cultivo biointensivo na escola de campo demostrativa autoxestionada pola RMM na comunidade de Guanijiquil. O método de cultivo biointensivo permite lograr unha maior produción de alimentos en espazos reducidos e cun menor uso de recursos. Nesta escola demostrativa, foméntase a produción de alimentos e plantas medicinais e aromáticas durante dous ciclos de cultivo no ano, cultivando, entre outros, pemento, tomate, cebola, cogombro, ravo, berenxena, cenoria, iuca, cabaza, camote, malanga, sandía, coandro, culantro de castilla, menta, ourego, sábila, albáfega, perexil, ruda, millo e fabas. Nesta segunda fase, aspírase a que as promotoras agroecolóxicas establezan 15 hortos biointensivos de referencia para a transferencia de coñecementos nas súas comunidades e a promoción da soberanía alimentaria nas familias rurais e a xeración de ingresos complementarios coa comercialización dos execedentes nas propias comunidades ou en mercados locais.

En paralelo, está a desenvolverse un proceso de vixilancia e avaliación nutricional en 8 comunidades rurais coordinado polas 6 promotoras de saúde e nutrición formadas na Fase I do proxecto. Ata a data diagnosticáronse 44 nenas e nenos menores de 5 anos con desnutrición aguda, crónica e/ou severa. Acordouse distribuír a produción da escola de campo agroecolóxica entre as familias con nenas e nenos con problemas de desnutrición e realizar un día de formación coas súas nais e pais para que as promotoras compartan as súas experiencias para a produción de alimentos saudables de forma sostible. Complementarase a estas familias coa dotación de suplementos vitamínicos e minerais, así como outras accións en coordinación cos Centros de Salud Rurales de Baldoquín e San Judas, a Dirección Municipal de Salud e a Alcaldía Municipal de El Corpus.

No que respecta ao fomento da independencia económica e o emprendemento das mulleres, está a darse acompañamento e asesoramento técnico e financeiro a 1 iniciativa económica colectiva e 10 mulleres emprendedoras apoiadas para a comercialización diferenciada na primeira fase, posteriormente á cal 4 emprendementos individuais e un colectivo recibiron equipos e insumos con fondos dun proxecto financiado pola Xunta de Galicia. Por outra banda, está a avanzarse de forma participativa para a creación dunha estratexia de promoción e comercialización diferenciada da produción agroecolóxica local e outros produtos elaborados polas mulleres emprendedoras, incluíndo a formación para a innovación empresarial, a valorización da identidade territorial e a xeración de valor agregado a nivel comunitario, o acceso a mercados locais de comercialización alternativa e o uso eficiente de espazos de comercialización virtual. Promoveuse tamén a participación das mulleres emprendedoras en expoferias agroecolóxicas municipais e rexionais tanto a nivel da elaboración de comidas e bebidas típicas como de comercialización de produtos alimenticios frescos e procesados e outros produtos elaborados polas mulleres (artesanías, bixutería, roupa…).