O luns 17 de abril Amigas da Terra organizou a xornada “Transición Enerxética Xusta desde os Concellos”, centrada no impulso das comunidades enerxéticas e poñendo o foco no papel fundamental que poden xogar as administracións locais no impulso da enerxía comunitaria.
Agradecemos ao concello de A Illa de Arousa ternos cedido o espazo do Auditorio Municipal e acollernos con tanto coidado e cariño, ás relatoras que nos ofreceron o seu tempo, experiencia e coñecementos con absoluta xenerosidade, e ás máis de 50 persoas que participaron activamente na xornada e compartiron as súas dúbidas e reflexións.
O obxectivo desta xornada foi o de achegar ao persoal político e técnico dos concellos, mancomunidades, entidades locais menores e a outras axentes relacionadas coa xestión do territorio, a posibilidade de impulsar a transición enerxética xusta a través das comunidades enerxéticas, dándolles a coñecer entidades e ferramentas que lles poidan axudar e acompañar nas diferentes fases do proceso.
Sesión matinal formativa: ferramentas, loita contra a precariedade enerxética e experiencias
Para facelo contamos con representantes de diversas institucións como son o Instituto Enerxético de Galicia – INEGA que nos informou das novas axudas para as fases iniciais de constitución deste tipo de proxectos, a Deputación de Pontevedra describiunos o seu proxecto, solicitado pero aínda non concedido, de Oficina de Transformación Comunitaria, a Federación Galega de Municipios-FEGAMP falaranos dos diferentes proxectos de impulso á enerxía comunitaria nos que está involucrada (Oficina de información, Comunidade enerxética con 10 concellos) e o Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo presentaronos o seu proxecto Life EC4RURAL, que involucra a 22 concellos galegos.
Pero non so isto, as comunidades enerxéticas tamén son unha oportunidade para loitar contra pobreza enerxética e para impulsar a xustiza social; un dos aspectos que se traballan dende a Oficina Técnica do Pacto das Alcaldías e do que nos falaron desde a Subdirección Xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático e desde a Asociación Ecoserveis, que traballa asesorando a concellos para diagnosticar e desenvolver iniciativas no eido da transición enerxética xusta.
Por último, unha mesa de experiencias con iniciativas de enerxía comunitaria participadas polos concellos achegounos aos proxectos da Comunidade Enerxética de Río Monachil en Granada, de Renovables de Liñares, SCG no concello de As Neves a ao de Arousa en Transición en A Illa de Arousa.
Enlaces ás presentacións e vídeos da xornada
A continuación, achegamosvos os enlaces ás carpetas nas que podedes consultar e descargarvos todas as presentacións e vídeos da xornada formativa, e aquí embaixo os enlaces por si queredes ir a un contido máis concreto e específico:
Palestra: Ferramentas para a transición enerxética xusta desde as administracións
- INEGA; Juan Ignacio Rodríguez: O papel do Instituto Enerxético de Galicia no impulso das comunidades enerxéticas: contactou con Amigas da Terra despois da súa intervención, o propio día 17, sinalando que NON daba permiso para compartir nin a súa presentación, nin a grabación da súa charla nin as fotografías nas que aparecía, desde a Xunta de Galicia non lle daban permiso para facelo
- Deputación de Pontevedra; Iria Lamas: A Oficina de Transformación Comunitaria solicitada pola Deputación de Pontevedra: vídeo
- FEGAMP; Lucía González: A Federación Galega de Municipios e Provincias apostando pola enerxía comunitaria: vídeo
- Universidade de Vigo; Xavier Simón: Presentación do proxecto Life EC4RURAL: presentación e vídeo
- Faladoiro palestra de ferramentas: vídeo
Palestra: Loita contra a precariedade enerxética desde os municipios
- Subdirección Xeral de Metereoloxía e Cambio Climático; Isaac Gómez: Balance da Oficina Técnica do Pacto das Alcaldías e dos obxectivos de loita contra a pobreza enerxética: presentación e vídeo
- Asociación Ecoserveis e EPAH-Energy Poverty Advisory Hub; Alba del Campo: Asesoría a concellos para diagnosticar e desenvolver iniciativas contra a pobreza enerxética: presentación e vídeo
- Faladoiro palestra de precariedade enerxética: vídeo
Mesa de experiencias
- Comunidade enerxética Río Monachil, Granada; Enrique Carmona e José Miguel Granados: presentación e vídeo
- Renovables de Liñares, SCG; Raquel Nóvoa Xosé Manuel Rodríguez: presentación e vídeo
- Arousa en transición; Ana Millán: presentación e vídeo
- Faladoiro mesa de experiencias: vídeo
Agardamos que estes contidos resulten de interese para todas aquelas persoas que queiran traballar pola democratización do modelo enerxético e a implantación da enerxía comunitaria desde a cidadanía.
Mirade, descargade, compartide e usade estes materiais!!!
Feitos entre todas e para todas!!!
Fagamos Nosa a Enerxía!!!
Comunidades Enerxéticas
