A proposta de Real Decreto (1), pola que se desenvolven as figuras das comunidades de enerxías renovables (CER) e as comunidades cidadás de enerxía (CCE), lanzada polo MITERD (2) o venres 21 de abril e con prazo aberto para presentar alegacións ata o 17 de maio, non da resposta a unha das barreiras fundamentais para impulsar proxectos de enerxía comunitaria en Galicia: a posibilidade de que as comunidades de montes veciñais en man común figuren como unha entidade idónea para constituírse en comunidades enerxéticas.
Unha transposición de directivas europeas que leva casi 2 anos de atraso e unha eiva de tipo lexislativo da que se advertiu ao IDAE (3) anteriormente, por organizacións como o Observatorio Eólico de Galicia, a Organización Galega de Comunidades de Montes, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga ou Amigas da Terra.
O texto é insuficiente para impulsar unha transición enerxética xusta e participada pola cidadanía
Vanessa Álvarez, responsable de Xustiza climática e enerxía de Amigos de la Tierra, afirma que “o proxecto de RD non garante a participación real e efectiva da cidadanía, como sería de esperar o elemento central dunha regulación para este tipo de figura. O momento no que nos atopamos, coa crise climática e enerxética, é crítico, e a aposta pola enerxía comunitaria e as comunidades enerxéticas é máis urxente que nunca. Ademais, o orzamento asignado ata o de agora, duns 100 millóns de euros, para a posta en marcha do programa CE-Implementa por parte do IDAE, é totalmente insuficiente para avanzar nunha transición enerxética ecolóxica e xusta. É evidente que a ambición deste documento en todos os sentidos debería ser maior”.
Ao falar do seu obxectivo “producir, consumir, almacenar, compartir e vender enerxías renovables, en particular, mediante contratos de compra de electricidade renovable”, deixa fora a distribución e a xestión da enerxía, cando estas actividades son indispensables para alcanzar a soberanía enerxética cidadá e para acabar coa mala praxe do oligopolio, tal e como estamos a ver cos obstáculos na conexión á rede dos proxectos de enerxía comunitaria impulsados pola cidadanía “, recalca a voceira de Amigos de la Tierra.
A loita contra a precariedade enerxética ten que abordarse con ferramentas específicas e partidas orzamentarias detalladas
Un dos síntomas da crise climática e enerxética para a organización é o aumento da precariedade enerxética, que se agravou nos últimos anos coa pandemia polo COVID19 e o incremento das facturas das subministracións enerxéticas. No borrador só se menciona de forma superficial ás persoas que se atopa en situación de precariedade,sen que se especifiquen as medidas oportunas que aseguren unha transición enerxética xusta nin como, desde as administracións públicas, se vai asegurar, motivar e posibilitar esta participación.
Facer fronte á precariedade enerxética de cada vez máis persoas e fogares debe ser unha prioridade do Goberno que non pode recaer nas comunidades enerxéticas, máis aínda, cando non hai partidas orzamentarias nin mecanismos ou ferramentas específicas para abordar a devandita problemática.
Nos próximos días, Amigos de la Tierra presentará alegacións ao proxecto de Real Decreto, xunto coa Coalición por la Energía Comunitaria, e insta ao Goberno a telas en conta se de verdade quere impulsar unha transición enerxética xusta á altura dos retos sociais e ambientais que afrontamos na actualidade e sen deixar a ninguén atrás.
As Comunidades Veciñais de Montes como axente impulsor da democratización enerxética
O sábado 28 de xaneiro desde Amigas da Terra organizamos unha xornada centrada no impulso de comunidades enerxéticas, poñendo o foco no papel impulsor que poden ter as Comunidades Veciñais de Montes nos proxectos de enerxía comunitaria: “Fagamos Nosa a Enerxía: Comunidades de Montes e Comunidades Enerxéticas”
Pola mañá tivemos unha primeira parte formativa, á que asistiron máis de 70 persoas, dirixida a comunidades de montes en man común, persoal con formación en silvicultura e enxeñaría forestal implicado na xestión de montes veciñais comunitarios e axentes de todo tipo relacionados co proceso de creación e promoción de comunidades enerxéticas. Esta primeira parte dividiuse á súa vez, nunha mesa de experiencias inicial na que interviron representantes de diferentes proxectos en marcha en Galicia, e dunha segunda parte na que se convidou a persoas expertas que tentaron dar resposta ás principais inquietudes e necesidades identificadas polas promotoras e participantes das comunidades enerxéticas en desenvolvemento.
Compartimos con todas vos máis materiais que elaboramos a partir deste encontro e que complementan a información que previamente compartimos. Podedes atopar as fotos, presentación e vídeos desta sesión no seguinte enlace >>>>
Máis vídeos e axentes de referencia para impulsar a enerxía comunitaria en Galicia
Pensamos que aínda que todas as persoas que actuaron de relatoras tiñan que estar, quedounos moita xente fora e decidimos facer pequenas entrevistas para que quedaran dispoñibles máis axentes de referencia coas que poidan contactar as persoas interesadas en desenvolver un proxecto de enerxía comunitaria, si premedes nos nomes poderedes acceder aos vídeos:
- Ángel Montero, de Nosa Enerxía Sociedade Cooperativa Galega: cooperativa de xeración e consumo de enerxía renovable, que busca facilitar a participación da cidadanía galega tanto no consumo de enerxía renovable como na xeración de proxectos de autoconsumo e de enerxía comunitaria
- Manuel Adame, de Fiare Banca Ética: é un banco cooperativo que busca ser unha ferramenta ao servizo da transformación social a través do financiamento de proxectos do terceiro sector, a economía social e solidaria e a promoción dunha cultura da intermediación financeira, baixo os principios da transparencia, a participación e a democracia
- Óscar Lugrís, do Sindicato Labrego Galego: os Servizos Agrarios Contables-SAC do SLG, poden asesorar a comunidades de montes veciñais en man común de como encaixar a súa participación nun proxecto de enerxía comunitaria dentro da normativa fiscal e tributaria vixente
- Xosé Alfredo Pereira, da Organización Galega de Comunidades de Montes: agrupación de comunidades de montes veciñais en man común que fixa como prioridade a defensa da propiedade veciñal, facilitando información para axudar a impulsar proxectos de enerxía comunitaria
Notas:
(1) Proyecto de real decreto por el que se desarrollan las figuras de las comunidades de energías renovables y las comunidades ciudadanas de energía
(2) MITERD: Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico
(3) IDAE: Instituto para la Diversificación y el Ahorro de la Energía