O sábado 28 de xaneiro desde Amigas da Terra organizamos unha xornada centrada no impulso de comunidades enerxéticas, poñendo o foco no papel impulsor que poden ter as comunidades veciñais de montes en man común nos proxectos de enerxía comunitaria.
Pero non so isto, como as comunidades enerxéticas tamén son unha oportunidade para loitar contra a precariedade enerxética e para impulsar a xustiza social, complementamos a sesión formativa de pola mañá cun obradoiro colectivo pola tarde.
Aproveitando que hoxe fai tres meses da celebración deste evento compartimosvos o informe que sacamos co traballo desenvolto por todas as persoas participantes para explorar as barreiras á implantación desta nova figura.
Podes descargar o informe premendo aquí >>>>

A sesión da tarde estivo orientada á reflexión en mesas de traballo, nas que convidamos a un grupo reducido de 30 participantes compostos por comunidades e axentes implicadas no impulso de proxectos de enerxía comunitaria, colectivos rurais vulnerables e outras organizacións que, tendo presencia no rural galego, normalmente non participan ou non teñen visibilidade en proxectos enerxéticos como son a EAPN (1), Fiare, Marcha Mundial das Mulleres, Provivenda ou Fundación Galiza Verde entre outras.
Conclusións do obradoiro colectivo: Enerxía comunitaria, que ninguén quede atrás!
Da información obtida resaltamos como principais barreiras identificadas, relativas á participación, a falta de información e de concienciación, o individualismo, a ruptura dos lazos comunitarios existentes e a desconfianza que isto xenera, a falta de tempo, a desvinculación da poboación co territorio, a reducida participación de mulleres e xóvenes e a dificultade de xestiónar a participación para integrar as diversas voces.
Identifícanse tamén outras barreiras como a limitada implicación institucional e política, a manipulación informativa, a concentración de poder das empresas do oligopolio e as dificultades administrativas e lexislativas. Adquire grande relevancia unha barreira de tipo lexislativo, o non recoñecemento das comunidades de montes veciñais en man común como entidade idónea para constituirse en comunidades enerxéticas, ao verse éstas obrigadas a desenvolver novas figuras xurídicas paralelas para ser considerada como CCEE, o que supón unha sobrecarga administrativa moi importante.
Como propostas de solución extrapólase a percepción de que se trata dun problema sistémico, conectado co resto de crises e problemáticas que existen na actualidade (en particular sulíñase a interrelación entre a soberanía enerxética e a alimentaria) e destácase a necesidade de incorporar a interxeneracionalidade e novas miradas, o potencial papel das institucións como facilitadoras e a necesidade dunha información de calidade e de asesoramento integral (técnico, económico, xurídico e de xestión da participación)
Notas:
(1) EAPN: European Anti Poverty Network – Alianza contra la pobreza energética