Amigos da Terra xunto con Amigas das árbores de Ourense, vimos de presentar denuncia ante a administración polo arboricidio que está a producirse no Monumento Nartural da Carballa da Rocha.

A Carballa da Rocha é un dos poucos monumentos naturais con que conta Galicia, e que foi declarada como tal no ano 2007. Árbore senlleira situada na parroquia da Saínza dentro do corazón da Reserva da Biosfera (Allariz, A Bola, Vilar de Santos, Rairiz de Veiga).

Como ben sabemos estes monumentos naturais están protexidos por lei así como a súa contorna polo que este ARBORICIDIO é aínda máis inexplicable e inxustificado.

A Carballa da Rocha é un “Quercus robur” o carballo de maiores dimensións da Península Ibérica (30 metros de altura e un perímetro de 690 centímetros).

Varios carballos veciños que son irmás da carballa foron tallada polo pé e a outra máis desmoucada/decapitada… Tamén na contorna deste monumento natural e na área da reserva da biosfera están tallando polo pé e desmoucando carballos centenarios sen xeito e sen ningún tipo de control.

Estas constantes talas de exemplares centenarios é unha das causas da perda de paisaxe forestal clásica de Galicia e da estructura específica natural. Tamén considermaos que a corta e poda destas árbores responde a uns intereses fora de todo tipo de argumentación ecolóxica e legal axeitada.

Lembrar que Galicia é o territorio con menos espazo protexido de Europa un escaso 12% cando a media europea é de máis do 30%.

En Galicia o Goberno da Xunta e as consellerías responsables de xestionar o patrimonio natural e vixiar o cumprimento da lexislación (neste caso a Consellería de Medio Ambiente e a do Medio Rural) actúan con total desleixo e aplican o “deixar facer deixar pasar”.

Dende Amigos da Terra e Amigas das árbores de Ourense  vimos de presentar escritos de denuncia ante Medio Ambiente, Medio Rural e SEPRONA no que solicitamos a inmediata paralización da corta das arbores, e se realicen unha investigación dos feitos e impoñan as correspondentes sancións aos infractores.

«Só aquel que coñece o valor das árbores sente o desexo de protexelas»