Este luns 17 de abril, no Auditorio Municipal da Illa de Arousa, Amigas da Terra convídavos a participar nunha nova xornada en torno ás comunidades enerxéticas e o papel dos concellos e das administracións locais.

Nesta sesión de tarde, entre as 16:00 e as 18:00 horas, presentaremos o informe “Sen deixar a ninguén atrás, as comunidades enerxéticas como ferramenta fronte á pobreza enerxética” , no que analizamos as actuais medidas contra a precariedade enerxética, centradas na asistencia, e destacamos o papel da enerxía comunitaria para poñer fin a esta situación e darlle a volta ao modelo enerxético actual.

Pero non so iso, boa parte da tarde adicarémola a realizar un traballo de grupo facilitado que nos permita reflexionar colectivamente como desde os concellos e outras administracións locais se pode traballar contra a precariedade enerxética e na democratización real do sistema enerxético.

O pasado mes de xaneiro organizamos o primeiro encontro galego “Fagamos Nosa a Enerxía: Comunidades de Montes e Comunidades Enerxéticas, que ninguén quede atrás!”. Alí, ademais das presentacións e vídeos da participación de iniciativas de comunidades enerxéticas e de persoal experto que podedes descargarvos da nova, tamén abordamos as principais barreiras que ten a cidadanía e as comunidades de montes veciñais en man común, para participar en proxectos enerxéticos comunitarios.

Desta volta queremos construír un relato interseccional sobre pobreza enerxética e enerxía comunitaria xunto con persoal das administracións municipais e diferentes colectivos sociais afectados polo modelo enerxético inxusto actual.

CANDO? Luns 17 de abril, de 16:00 a 18:00 horas

ONDE? Auditorio Municipal da Illa de Arousa

PROGRAMA DA SESIÓN DE TARDE

16:00-16:30  Presentación do informe”Sen deixar a ninguén atrás, as comunidades enerxéticas como ferramenta fronte á pobreza enerxética”

María Pardillos, responsable de Pobreza Energética en Amigos de la Tierra

16:30-17:30  Dinámica de roles facilitada para a identificación de barreiras e de obstáculos na implementación práctica en comunidades enerxéticas de medidas para paliar a precariedade enerxética: búscase que as participantes poidan poñerse no lugar das diferentes axentes que poden participar no desenvolvemento de unha comunidade enerxética participada polo concello e que poidan recoñecer as diferentes posturas e de onde parten, para así poder preparar argumentacións e ter en conta prazos cando lle fagan propostas aos concellos ou ás ccee participadas polos mesmos

Facilitadora: Sonia Ramos, de ISENER

17:30-18:00  Posta en común dos roles, avaliación da dinámica e conclusións

 

Inscricións >>>>

Esta sesión de tarde funciona, a nivel práctico, como unha segunda parte máis reflexiva e facilitada da xornada formativa de pola mañá “Transición Enerxética Xusta desde os Concellos”, tamén no Auditorio Municipal da Illa de Arousa, que ten o seu propio formulario de inscrición.

Premendo no título poderás consultar o programa e inscribirte tamén nesa sesión de pola mañá e no xantar ao que vos convidaremos desde a organización.

 

Fagamos Nosa a Enerxía

Comunidades Enerxéticas

Enerxía de todas e para todas!