Amigas da Terra convídavos a participar na xornada “Transición Enerxética Xusta desde os Concellos” dentro da campaña Fagamos Nosa a Enerxía que se levará a cabo o luns 17 de abril no Auditorio Municipal da Illa de Arousa.
Unha xornada centrada no impulso das comunidades enerxéticas, onde cremos que as administracións locais deben xogar un papel fundamental.
A emerxencia climática é unha realidade abrumadora e a transición enerxética inevitable, pero ten que ir moito máis lonxe que a simple redución de emisións de efecto invernadoiro ou a descarbonización da economía. Todas as institucións públicas deben traballar de xeito conxunto, estimulando e apoiando ás institución locais, especialmente aos concellos. A cercanía e o contacto directo coa cidadanía que éstes teñen, son elementos fundamentais para favorecer que a mudanza do modelo enerxético se faga en base a criterios de xustiza social, ecolóxica e de xénero.
A enerxía comunitaria é unha alternativa democrática, sostible e descentralizada, imprescincible para unha transición enerxética xusta social e ambientalmente. As comunidades enerxéticas ben definidas e executadas son elementos fundamentais para democratizar a enerxía e fomentar a resiliencia nos territorios. Nun horizonte desexable de decrecemento da produción e do consumo, pode ser unha das millores ferramentas para enfrontarnos á emerxencia climática.
Obxectivos da xornada, programa e inscricións
O obxectivo desta xornada é achegar ao persoal político e técnico dos concellos, mancomunidades, entidades locais menores e a outras axentes relacionadas coa xestión do territorio, a posibilidade de impulsar a transición enerxética xusta a través das comunidades enerxéticas, dándolles a coñecer entidades e ferramentas que lles poidan axudar e acompañar nas diferentes fases do proceso.
Para facelo contaremos con representantes de diversas institucións como son o Instituto Enerxético de Galicia-INEGA que nos informará das novas axudas para as fases iniciais de constitución deste tipo de proxectos, a Deputación de Pontevedra e o seu proxecto de Oficina de Transformación Comunitaria, a Federación Galega de Municipios-FEGAMP falaranos dos diferentes proxectos de impulso á enerxía comunitaria nos que está involucrada e o Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo presentaronos o seu proxecto Life EC4RURAL.
Pero non so isto, as comunidades enerxéticas tamén son unha oportunidade para loitar contra pobreza enerxética e para impulsar a xustiza social; un dos aspectos que se traballan dende o Pacto das Alcaldías e do que nos falarán desde a Subdirección Xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático e a Asociación Ecoserveis, que traballa asesorando a concellos para diagnosticar e desenvolver iniciativas no eido da transición enerxética xusta.
Por último, unha mesa de experiencias con iniciativas de enerxía comunitaria participadas polos concellos achegaramos aos proxectos de Arousa en Transición ou Renovables de Liñares SCG en Galicia e ao da Comunidade Enerxética de Río Monachil en Granada, entre outras.
Inscricións >>>
Comunidades enerxéticas
Fagamos Nosa a Enerxía
Soberanía Enerxética Xa!!!

