Desde Amigos da Terra presentamos un informe no que se analiza o impacto ambiental e social dos investimentos dos bancos españois na industria cárnica e láctea no noso país.

Desde 2016 os bancos españois destinaron máis de 2.000 millóns USD a financiar a industria cárnica e láctea a través de préstamos. O 80% do financiamento, 1.800 millóns USD procedía dos dous principais bancos do país: Santander e BBVA.

En decembro de 2022, a Unión Europea aprobou un Regulamento destinado a minimizar o risco de deforestación e degradación dos bosques. Este regulamento non establece requisitos adicionais que obriguen ás institucións financeiras a que as súas actividades non contribúan á deforestación.

Presentamos o Informe O papel dos bancos españois na industria cárnica e láctea española” onde se pon de relevo como a actividade destas entidades financeiras contribúe á deforestación e á crise climática a través de préstamos e investimentos na industria cárnica e láctea.

Impacto dos investimentos bancarios

Segundo a publicación, desde 2016 os bancos españois destinaron máis de 2.000 millóns USD a financiar a industria cárnica e láctea a través de préstamos a este sector. O 80% do financiamento, 1.800 millóns USD, proviña dos dous principais bancos do país: Santander e BBVA, e máis do 90%, é dicir, 1.900 millóns USD, procedía dos tres principais bancos españois: Santander, BBVA e CaixaBank. Ademais, outros bancos, como o Grupo Ibercaja, Unicaja Banco, Abanca e Banco de Sabadell, proporcionaron tamén uns 136 millóns USD en créditos á industria cárnica e leiteira desde 2016.

Denunciamos o enorme impulso que recibe a gandería industrial, fonte de problemas sociais, económicos e ambientais a escala local e global, grazas aos préstamos e os investimentos bancarios. A contaminación da auga e do aire, debido ás enormes cantidades de esterco (rico en amoníaco e nitróxeno) que producen as explotacións industriais, afecta as comunidades que viven preto de elas e prexudican á fauna e a biodiversidade. A xuízo de Amigos da Terra a banca española está a ser cómplice desta situación.

Industria cárnica e láctea lesivas

Entre as compañías cárnicas e lácteas receptoras de préstamos destaca o xigante francés, Grupo Lactalis, que ademais de ser a maior empresa láctea do mundo, é o principal destinatario financeiro, por parte da banca española, con 1.600 millóns USD en préstamos entre 2019 e 2020. O segundo beneficiario é a empresa cárnica española, Grupo Jorge, que recibiu 314,4 millóns USD en préstamos.

O Grupo Lactalis, con sede en Francia e presenza en 150 países, é a maior empresa láctea de España cunha facturación de 1.266 millóns de euros en 2020. En 2019, a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia impuxo unha multa a varias empresas do sector lácteo, entre elas Lactalis e Puleva (ambas as do mesmo grupo empresarial). As empresas foron sancionadas “pola súa conduta lesiva dos dereitos dos gandeiros”, debido á adopción de acordos e estratexias con outras empresas para controlar o mercado da subministración do leite de vaca e premer así a gandeiras e gandeiros. A pesar das sancións impostas (máis de 11 millóns de euros ao Grupo Lactalis Iberia e máis de 10 millóns a Puleva), estas empresas seguen operando a día de hoxe aplicando prácticas abusivas.

O Grupo Jorge é unha das principais empresas españolas de porcino e un dos maiores exportadores. O 84% da súa produción comercialízase en 100 países e aglutina o 18% de todas as exportacións de porcino do país. Esta empresa é responsable de converter a Aragón na principal rexión española en produción industrial de porcino, con 4.573 explotacións gandeiras. A gandería industrial é a principal fonte de contaminación da auga por nitratos. En 2020, a Dirección de Saúde Pública do Goberno de Aragón detectou 93 medicións que superaban o 50 mg/litro de nitratos en 37 zonas de abastecemento humano, o que afectou a 6.997 persoas.

Incumprimento sistemático e falta de regulación

España ocupa o terceiro posto mundial na produción industrial de carne de porco, por detrás unicamente de China e Estados Unidos. Leva anos incumprindo sistematicamente a Directiva de Nitratos da Unión Europea, motivo polo que a Comisión Europea decidiu en 2021 levar a España ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea. Á súa vez, España incumpre reiteradamente a normativa europea que establece un teito ás emisións de amoníaco, recibindo numerosas advertencias da Comisión.

En decembro de 2022, a Unión Europea aprobou un Regulamento destinado a minimizar o risco de deforestación e degradación dos bosques asociado aos produtos comercializados na UE. Este regulamento non establece requisitos adicionais que obriguen ás institucións financeiras a que as súas actividades non contribúan á deforestación.

A actividade dos bancos españois ten un grave impacto ambiental e social derivado do seu papel en alimentar economicamente ás principais empresas da industria cárnica e láctea no noso país. Debemos regular a actividade financeira para evitar a deforestación en terceiros países e promover un sistema agroalimentario xusto e sostible.