O borrador do Regulamento sobre Materias Primas Críticas presume de sostible mentres promove o incremento da extracción de minerais sen planificar unha redución da demanda.
O documento contempla proxectos estratéxicos para os que non hai obrigación de garantir o respecto aos dereitos humanos, elaborar Avaliacións de Impacto Ambiental ou obter o permiso das comunidades.
Propoñemos que a redución da demanda de recursos e a reutilización e a reciclaxe de materiais estean no centro das políticas e instrumentos ao redor das materias primas.
A Comisión Europea publicou hoxe a súa proposta de Regulamento sobre Materias Primas Críticas. O documento afecta a unha nova lista de 16 “materias primas estratéxicas” (aqueles materiais de importancia para a transición verde e dixital) e á lista de 34 “materias primas críticas” que xa foran definidas pola Comisión Europea.
Análise da proposta
Analizamos a proposta nun documento que publicamos hoxe mesmo e sinalamos que é paradoxal que a prioridade do regulamento sexa “garantir á Unión Europea o acceso a unha subministración segura e sostible de materias primas críticas”, mentres se ignora a urxente necesidade de reducir a demanda actual destes recursos para que a transición ecolóxica se produza de forma realmente xusta e sostible. Manter e incrementar a demanda actual só xerará máis dano ás comunidades afectadas por proxectos mineiros, ao clima e ao medio ambiente.
A proposta publicada hoxe é miope porque pon o foco en garantir a subministración, financiar novos proxectos e fomentar a exploración mineira tanto dentro como fóra da UE, á vez que ignora o respecto polos dereitos humanos, en particular das comunidades afectadas pola minería. Non podemos continuar con este modelo que actúa coma se os recursos naturais fosen infinitos. A axenda da UE para a transición enerxética e dixital debe abandeirar a redución do uso de recursos e a protección dos dereitos humanos. Europa está a perder unha oportunidade clara para encamiñarse cara a un modelo máis sostible e, unha vez máis, demostra o seu apetito insaciable por manter un sistema económico inviable que esgota as materias primas.
Que contén o novo regulamento?
A proposta presentada pola Comisión promete acelerar a exploración mineira en Europa. Isto conleva a elaboración de plans estatais e rexionais para a exploración, así como identificar as zonas prioritarias para desenvolver os proxectos estratéxicos. Así mesmo contempla unha lista de Proxectos Estratéxicos tanto na UE como en terceiros países. Estes proxectos beneficiaranse de permisos pola vía rápida e algúns serán considerados de “interese público predominante”, o que lles daría prioridade, por exemplo, sobre normas europeas de protección ambiental e leis rexionais e locais.
Non hai obrigación, por tanto, de garantir o respecto aos dereitos humanos, elaborar Avaliacións de Impacto Ambiental ou obter o permiso das comunidades, e mesmo poden pasar por encima das lexislacións ambientais. É escandaloso que estes proxectos cun alto impacto ambiental, que afecta directamente na saúde da poboación e que hipoteca a súa contorna e medios de vida, non conte coa obrigatoriedade dunha avaliación de impacto ambiental nin co consentimento das poboacións afectadas.
A necesaria redución da demanda
Sen dúbida, as tecnoloxías necesarias para a transición enerxética e dixital van demandar unha certa cantidade de materias primas. Con todo, o Regulamento necesita contemplar maneiras para limitar a demanda actual de produción e consumo a través de medidas de redución e suficiencia. Entres estas propostas atoparíanse a renovación de edificios para aforrar enerxía, a priorización do transporte público sobre o vehículo privado, o ecodeseño e o dereito para reparar para alongar a vida útil dos produtos, así como a redución de usos innecesarios como, por exemplo, a industria armamentística.
Á súa vez, o texto inclúe algunhas medidas que poden ter un impacto positivo en materia de reciclaxe, reutilización e reprocesamento de residuos mineiros. Tal propostas sen dúbida poden contribuír a este fin e deben priorizarse, pero serán insuficientes se non se acompañan de medidas para reducir a demanda.
Próximos pasos
As negociacións que agora comezan no Parlamento Europeo e o Consello da UE ofrecen a oportunidade de mellorar o texto do Regulamento nos próximos meses. Reclamamos aos representantes españois nestas institucións que non desaproveiten a ocasión. A Presidencia española da UE poderá xogar un papel crave para promover un uso de materias primas verdadeiramente sostible e xusto, e instámoslle a actuar con igual responsabilidade nos procesos abertos en España: O futuro Plan de acción sobre materias primas e a reforma da Lei de Minas deben centrarse na necesaria redución da demanda de recursos, e priorizar a reutilización e a reciclaxe de materiais por encima da extracción, só así poderemos avanzar cara a un modelo respectuoso cos ecosistemas e as poboacións que garanta o respecto dos dereitos humanos.
Análise de Amigos da Terra Europa do borrador do Regulamento de Materias Primas Críticas