Un ano máis sumamonos ás mobilizacións do 8M e reivindicamos a loita feminista como propia. Desde Amigas da Terra somos parte do ecoloxismo social, e entendemos que sen xustiza de xénero non haberá xustiza social nin ambiental. Somos plenamente conscientes de que para alcanzar un equilibrio entre as comunidades humanas e os ecosistemas, o feminismo é imprescindible.
O feminismo é unha realidade e a súa construción foi posible grazas á resistencia e o empoderamento de millóns de mulleres en todo o mundo. E non hai que parar de construír.
Acabar coas situacións de inxustiza non é posible sen desmantelar o sistema económico actual, fundamentado no patriarcado, á súa vez é necesario acabar con todas as formas de opresión estrutural para alcanzar a xustiza ecosocial.
As mulleres chegan onde o sistema non alcanza
Desde o ecofeminismo reivindicamos poñer a vida no centro. É necesario que os coidados, invisibilizados e menosprezados no sistema actual, ocupen un lugar relevante. A revalorización e a redistribución do traballo de coidados é unha parte clave para seguir avanzando cara a unha transición ecolóxica xusta. O traballo doméstico e de coidados que realizamos as mulleres resulta imprescindible para a vida, por iso tamén queremos dar visibilidade a un traballo que ninguén quere recoñecer e queremos esixir un mundo onde as tarefas de coidados sexan unha responsabilidade de toda a sociedade.
Ademais, fomos testemuñas da incapacidade absoluta do sistema de coidar a vida humana e a natureza, un sistema no que a pobreza e a precariedade laboral afectan principalmente as mulleres. Pola contra, e sendo as mulleres as máis prexudicadas, son as que crearon e crean máis comunidade.
Desde Amigas da Terra consideramos que é necesaria unha transformación do modelo actual para avanzar cara á soberanía alimentaria, a xustiza climática ou poñer fin a explotación de recursos naturais, e nestas loitas a xustiza de xénero é un obxectivo transversal. Se queremos alcanzar unha sociedade xusta e respectuosa co medio ambiente, onde as persoas vivan en equilibrio coa súa contorna, necesitamos mobilizarnos para reclamar unhas políticas impregnadas polo feminismo.
#1000PropuestasJuntas
Por iso sumámonos a #1000PropuestasJuntas e desde as áreas nas que traballamos defendemos a xustiza feminista:
En Biodiversidade:
Integrando a perspectiva de xénero na renaturalización das cidades: as mulleres son ás que máis afecta o cambio climático, tanto os desastres naturais como as ondas de calor, aquí e nos países.
Establecendo programas de emprego público con enfoque de xénero para a restauración de ecosistemas.
En Xustiza climática e Enerxía:
Empoderando ás mulleres no dereito á enerxía e nas comunidades enerxéticas. As mulleres historicamente estiveron infrarrepresentadas no sector enerxético. Necesitamos un cambio de paradigma que deixe de considerar a enerxía como un ben de mercado e que garanta o acceso ás subministracións básicas como un dereito.
Recoñecendo ás mulleres como axentes activas de cambio e transformación do sistema enerxético, non só como vítimas. A precariedade enerxética e nos servizos básicos afecta en maior medida a quen viven máis ligadas ás actividades de coidados e de fogar que son, neste momento, maioritariamente as mulleres. A igualdade nos traballos e a igualdade nos coidados é imprescindible para empoderar ás mulleres.
En Soberanía alimentaria:
Apostando polo feminismo campesiño: as mulleres como titulares das terras. É fundamental ter acceso á auga, á terra e ás sementes de forma non discriminatoria e sen imposicións empresariais sobre que cultivar ou como facelo.
Escalando na produción agroecolóxica promovendo a equidade nos roles de xéneros. A agroecoloxía é unha das principais ferramentas políticas para lograr a soberanía alimentaria. Unha forma de agricultura para os pobos, non para as corporacións, que podería alimentar a todo o mundo, á vez que protexería a vida e aumentaría a resiliencia fronte á destrución do medioambiente. Para iso é importante escalar a produción agroecolóxica, o que inclúe promover a igualdade e equidade nos roles de xénero en todas as nosas prácticas.
En Recursos Naturais e Residuos:
Defendendo alternativas ao extractivismo, cuxos impactos sofren sobre todo mulleres e nenas/os. As mulleres son tamén quen lidera a loita pola defensa do territorio e quen, por tanto, pagan cos seus corpos, a súa liberdade e as súas vidas a oposición ás multinacionais extractivas.
Poñendo fin ao colonialismo de residuos onde as comunidades máis vulnerables son quen recibe estas montañas xigantes de residuos sumamente tóxicos como lixo electrónico ou plásticos, e moi especialmente mulleres e nenas.
Por todos estes miles de motivos desde o ecoloxismo, desde Amigas da Terra onde traballamos para avanzar cara a unhas políticas coas persoas e a Terra no centro, formamos parte da loita feminista.