O sábado 28 de xaneiro Amigas da Terra organizou unha xornada centrada no impulso de comunidades enerxéticas desde, por e para o rural, poñendo o foco no papel impulsor que poden ter as Comunidades Veciñais de Montes nos proxectos de enerxía comunitaria.

Agradecemos á CMVMC de Tameiga ternos cedido o espazo do Centro sociocultural As Pedriñas e acollernos con tanto coidado e cariño, as relatoras que nos ofreceron o seu tempo, experiencia e coñecementos con absoluta xenerosidade, e ás máis de 70 persoas que participaron activamente na xornada e compartiron as súas dúbidas e reflexións.

Sesión matinal formativa: compartindo saberes e tecendo redes

O obxectivo da sesión matinal era achegar ás comunidades de montes veciñais en man común, e a outras axentes relacionadas coa xestión do territorio, a posibilidade de impulsar a transición enerxética xusta a través das comunidades enerxéticas, dándolles a coñecer persoas, entidades e proxectos que lles poidan axudar e acompañar en diferentes fases do proceso.

Para facelo contamos coa presencia como relatoras da primeira mesa de algunhas das experiencias que temos no país, como son as de Tameiga, Buchabade, Liñares e Froxán, pero tamén coas de Couso, a Illa de Arousa e Pontecaldelas que participaron no faladoiro que tivo lugar despois. Coñecer as diferentes experiencias desatou preguntas sobre como iniciar o proceso, aclaracións sobre as distancias máximas, reflexións sobre si resulta xusto que as achegas de fondos e a recepción de enerxía sexa a mesma para todas as persoas participantes ou sobre a posibilidade de instalar almacenamento.

Na segunda mesa puidemos escoitar e contactar con persoal experto do OEGA, Espazo Coop e Coop 57, que nos orientaron sobre a estrutura, a financiación e outros aspectos desta nova figura do sector enerxético e tivemos a oportunidade, durante o faladoiro, de explorar a participación dos concellos no impulso de comunidades enerxéticas, a posibilidade de formar parte de cooperativas ou de asociarse coas comunidades de montes. Arousa en Transición destacou o importante da participación dos concellos en proxectos de enerxía comunitaria que partan desde a cidadanía e reflexións sobre os escasísimos cartos que deixan no terrritorio os macroproxectos eólicos que inzan o país.

Enlaces ás fotografías, presentacións e vídeos

A continuación, achegamosvos os enlaces ás carpetas nas que podedes consultar e descargarvos todas as fotos, presentacións e vídeos da xornada formativa, e aquí embaixo os enlaces por si queredes ir a un contido máis concreto e específico:

Mesa de experiencias:

  • Amigas da Terra; Raquel Fernández; Que son as comunidades enerxéticas? Tecendo redes para impulsalas: presentación e vídeo
  • Comunidade enerxética de Froxán; Joám Evans: vídeo
  • Comunidade de montes e enerxética de Tameiga; Bruno Dutto: presentación e vídeo
  • Comunidade enerxética de Liñares; Raquel Nóvoa: presentación e vídeo
  • Cooperativa enerxética de Buchabade; Fernando Malvar: presentación e vídeo
  • Faladoiro mesa de experiencias: vídeo

Mesa técnico-formativa:

  • OEGAObservatorio Eólico de Galicia; Xavier Simón; Sobre a idoneidade dos montes veciñais en man común para ser considerados como comunidades enerxéticas: presentación e vídeo
  • Espazo Coop; Teresa Balado; Economía social e cooperativismo. Cooperativas enerxéticas; como montalas e vantaxes: presentación e vídeo
  • Coop 57; Antón Ínsua; Financiación que potencia a economía social e solidaria: presentación e vídeo
  • Faladoiro mesa técnica: vídeo

Máis vídeos e axentes de referencia para impulsar a enerxía comunitaria en Galicia

Pensamos que aínda que todas as persoas que actuaron de relatoras tiñan que estar, quedounos moita xente fora e decidimos facer pequenas entrevistas para que quedaran dispoñibles máis axentes de referencia coas que poidan contactar as persoas interesadas en desenvolver un proxecto de enerxía comunitaria, si premedes nos nomes poderedes acceder aos vídeos:

  • Ángel Montero, de Nosa Enerxía Sociedade Cooperativa Galega: cooperativa de xeración e consumo de enerxía renovable, que busca facilitar a participación da cidadanía galega tanto no consumo de enerxía renovable como na xeración de proxectos de autoconsumo e de enerxía comunitaria
  • Manuel Adame, de Fiare Banca Ética: é un banco cooperativo que busca ser unha ferramenta ao servizo da transformación social a través do financiamento de proxectos do terceiro sector, a economía social e solidaria e a promoción dunha cultura da intermediación financeira, baixo os principios da transparencia, a participación e a democracia
  • Óscar Lugrís, do Sindicato Labrego Galego: os Servizos Agrarios Contables-SAC do SLG, poden asesorar a comunidades de montes veciñais en man común de como encaixar a súa participación nun proxecto de enerxía comunitaria dentro da normativa fiscal e tributaria vixente
  • Xosé Alfredo Pereira, da Organización Galega de Comunidades de Montes: agrupación de comunidades de montes veciñais en man común que fixa como prioridade a defensa da propiedade veciñal, facilitando información para axudar a impulsar proxectos de enerxía comunitaria

Agardamos que estes contidos resulten de interese para todas aquelas persoas que queiran traballar pola democratización do modelo enerxético e a implantación da enerxía comunitaria desde a cidadanía.

Mirade, descargade, compartide e usade estes materiais!!!!

Feitos entre todas e para todas

Fagamos Nosa a Enerxía!!!

Comunidades Enerxéticas