A COP15 do Convenio da Diversidade Biolóxica conclúe cun novo Marco Mundial para a Biodiversidade baseado nas falsas solucións. O acordo, que foi forzado pola presidencia, ignora as obxeccións de diferentes estados africanos, e non senta as bases para o cambio transformador que require abordar a crise de biodiversidade.
Denunciamos a gran influencia do lobby empresarial nas negociacións que impediu tomar decisións valentes e eficaces, sobre todo, para enfrontar a perda de biodiversidade na escala e magnitude necesarias. O texto non establece ningunha regulación sobre as corporacións e, en cambio, promove medidas de lavado verde como as Solucións baseadas na natureza, que permiten a destrución do medio ambiente.
Aínda que existen compromisos centrados na conservación e restauración da natureza, non se avanzou na resolución das causas que provocan a destrución das mesmas. Á súa vez, desde a organización denunciamos que segue promovéndose a agricultura industrial a través de conceptos como “innovación” ou “intensificación sostible”.
A pesar dos puntos negativos, celebramos pequenas vitorias, como a non inclusión do concepto “natureza positiva”, que de contemplarse profundaría na financiarización da natureza e as compensacións de CO2, ou o recoñecemento explícito, no texto, ás defensoras ambientais e os territorios indíxenas, aínda que é de lamentar que non se lles recoñeza unha categoría específica no obxectivo de conservar as áreas protexidas.
En xeral, é un acordo de mínimos, que non incide nun cambio de raíz e, por tanto, non resolve as causas de perda de biodiversidade, non establece medidas vinculantes, nin ten en conta as responsabilidades históricas dos estados. É completamente insuficiente. As crises interrelacionadas que vivimos requiren dun cambio de modelo económico e isto debe verse en todas as políticas deste nivel.
Por este motivo continuaremos traballando onda as comunidades locais de todo o mundo, quen está construíndo as alternativas necesarias para protexer a biodiversidade e conseguir unha vida digna.