Amigos da Terra continúa o seu traballo en defensa dos dereitos das mulleres en Honduras, da man dunha das ONG socias no país, a Asociación de Desarrollo Pespirense (ADEPES). Na segunda metade deste ano, con fondos da Cooperación Galega, iniciou un novo proxecto que se desenvolverá en Pespire. Municipio do Departamento de Choluteca, no sur do país.

No proxecto participan mulleres lideresas, produtoras, integrantes da Red de Mujeres, da Oficina Municipal de la Mujer, da Oficina Municipal de la Niñez y la Adolescencia, docentes, e escolares. O obxectivo principal é mellorar a equidade de xénero e as oportunidades económicas para as mulleres rurais deste muncipio. Para iso, lévanse a cabo actuacións en tres ámbitos diferentes.

En primeiro lugar, búscase mellorar o funcionamento e as capacidades da Red Municipal de Mujeres, a Oficina Municipal de la Mujer, as operadoras de xustiza e as organizacións comunitarias para a defensa dos dereitos da muller. Así, trabállase para a aplicación de políticas, plans de acción e orzamentos municipais específicos de xénero. Está previsto, así mesmo, desenvolver unha escola de lideresas con mulleres organizadas e levar a cabo unha estratexia de sensibilización sobre igualdade e equidade de xénero.

En segundo lugar, proponse mellorar a produción de alimentos das mulleres, a través da formación e e o establecemento de técnicas e prácticas agrícolas resistentes á variabilidade climática: conservación de sementes locais, diversificación de alimentos nutritivos, produción de plantas medicinais e incorporación de cultivos e variedades adaptadas á zona.

Por último, xeraranse oportunidades de negocio para mulleres emprendedoras e grupos de mulleres rurais, facilitando a súa inclusión nos mercado locais. Deste xeito, o proxecto contribuirá a mellorar os ingresos económicos das familias e especialmente das mulleres campesiñas.