No mes de agosto finalizou o proxecto “Mellora do exercicio dos dereitos das mulleres rurais cunha vida saudable e libre de violencias e co empoderamento económico en comunidades do Corpus (Honduras)” financiado pola Deputación de Pontevedra e executado por Amigas da Terra (ADT) e a súa socia local, Asociación de Mujeres Defensoras de la Vida (AMDV). Todos os procesos desenvolvéronse en coordinación coa Oficina Municipal da Muller (OMM), a Rede de Mulleres contra a violencia do Corpus e a Rede Rexional de Mulleres do Sur. Este proxecto contribuíu a xerar condicións para que as mulleres participen activamente na incidencia política e social e para a defensa dos seus dereitos en tres ámbitos de actuación:

  • Posta en marcha de políticas e orzamentos con enfoque de xénero

Implementáronse cinco accións para a aplicación da política de xénero e o POA 2022 da OMM e a incorporación de oito demandas da Rede de Mulleres do Corpus no orzamento municipal específico de xénero. O punto de partida foi a construción participativa dun documento de demandas da Rede de Mulleres. Considerando estas demandas, realizouse un proceso de actualización e seguimento ao plan de acción para a implementación da política municipal de xénero e o POA 2022 da OMM. Tamén se elaborou un orzamento municipal específico de xénero coa OMM, aínda que se require fortalecer este proceso coas autoridades municipais e outras Oficinas e Unidades Técnicas Municipais.

Paralelamente promoveuse a xustiza de xénero, a través da creación dun protocolo de actuación para o acompañamento a mulleres sobreviventes de violencia. Desenvolvéronse módulos de formación sobre acceso á xustiza de xénero e acompañamento de vítimas de violencia de xénero e sobre protocolos de seguridade e protección de defensoras dos dereitos das mulleres con 48 conselleiras e promotoras legais comunitarias do Corpus, as cales foron acreditadas cun carné para exercer o seu labor como defensoras perante as autoridades de xustiza. Posteriormente, fixéronse xiras de levantamento de información sobre casos de violencia de xénero no Corpus e unha xornada de análise da información levantada. Para finalizar, construíuse, de forma participativa, e socializouse un protocolo de actuación para as conselleiras e promotoras legais que están a realizar xa un traballo de acompañamento a 5 mulleres sobreviventes de violencia.

  • Soberanía alimentaria e nutrición

Na comunidade de Guanijiquil, desenvolveuse unha escola demostrativa aplicando o método de cultivo biointensivo para a produción agroecolóxica de alimentos nutritivos e plantas medicinais con 15 integrantes da Rede de Mulleres do Corpus. Logrouse o establecemento de 4 camas (bancais) biointensivas de 10m2, 4 composteiras orgánicas de 1m3 e un sementeiro con sementes de 6 tipos de cultivos. Cultivaranse 10 tipos de alimentos nutritivos e 8 tipos de plantas medicinais, a pesar de que foi necesario resementar a maior parte dos cultivos polas continuas e intensas tormentas caídas entre maio e agosto de 2022.

No tocante á saúde e a nutrición, logrouse diagnosticar en 7 comunidades rurais a 27 familias vulnerables con 1 embarazada e 27 nenas/os con desnutrición aguda. Desenvolveuse un proceso de formación sobre boas prácticas de saúde e hixiene, prevención contra a COVID-19 e outras enfermidades transmisibles, atención integral á Nenez, estimulación temperá e avaliación do desenvolvemento do neno e a nena e hábitos de consumo saudables. Coordinouse coa Dirección Municipal de Saúde e 2 Centros de Saúde Rural a realización de 5 xornadas de levantamento de datos de vixilancia e avaliación do estado de saúde de crianzas e mulleres embarazadas. Para finalizar desenvolvéronse xornadas de preparación de receitas con alimentos nutritivos e saudables e remedios naturais con plantas medicinais.

  • Empoderamento económico

Un total de 19 mulleres participantes melloraron a súa independencia económica a través da creación de negocios para a venda de produtos de horta, tanto en mercados locais como nunha plataforma virtual para mulleres emprendedoras.

Levouse a cabo grazas a un proceso de asesoramento técnico e financeiro que iniciou con xornadas para análises e priorización de necesidades e iniciativas económicas, e talleres para elaboración de plans de negocio dos emprendementos seleccionados pola Rede de Mulleres do Corpus. Posteriormente, impartíronse talleres sobre organización e boas prácticas de xestión fiscal e legal, administración e contabilidade, e un último taller para validar os plans de negocios elaborados.

No que respecta á comercialización, construíuse participativamente coa Rede de Mulleres do Corpus e a Rede Rexional de Mulleres do Sur unha plataforma virtual para a promoción e comercialización diferenciada da produción agroecolóxica e artesanal local. Despois dunha xornada de identificación de produtos con mulleres emprendedoras deseñouse a plataforma virtual. Nos próximos meses promoverase a vinculación da plataforma virtual a outras páxinas nas redes e incorporaranse elementos visuais e outros detalles específicos de cada un dos negocios.