Amigos da Terra e a Plataforma Cidadá Ríos Limpos vimos de presentar sendas denuncias diante da Confederación Hidrográfica Miño-Sil por vertidos da depuradora do concello de Esgos no Regueiro de Campiña que é tributario do río Grañal que a súa vez é afluente do Río Loña, e por vertidos da depuradora da Derrasa no concello de Pereiro de Aguiar ao río Loña .
Consideramos que resulta insultante o desleixo que se produce por parte das distintas Administracións Públicas con competencias na conservación, vixilancia e custodia dos ecosistemas fluviais (Concellos, Confederación Hidrográfica, e Consellerías da Xunta de Galicia) ante a situación dos continuos vertidos a rede fluvial.
A denuncia presentada realizase en base aos vertidos ilegais producidos no Concello de Esgos ao río Grañal (afluente do río Loña) e no concello de Pereiro de Aguiar nos cursos de auga tributarios do Río Loña que van aos encoros de Cachamuiña e Castadón, encoros que se usan para abastecemento de augas aos veciños e veciñas da cidade de Ourense e poboacións limítrofes desta cidade.
Na zona a que se fai referencia na denuncia, do sumidoiro que ven da depuradora do concello de Esgos e da depuradora da Derrasa do concello de Pereiro de Aguiar, observase a simple vista a saída de augas fecais e abundante materia orgánica que se verte no canle do Río Grañale ao rio Loña. Estas augas residuais, e augas fecais, coa conseguinte acumulación de forte carga orgánica …producen un forte fedor a moitos metros de distancia, observándose ao longo dun treito importante do canle do Río Grañal e río Loña unha forte acumulación de restos orgánicos.
Todos estes restos orgánicos van a parar ao encoro de Cachamuiña, distante do verquido a escasos 5 quilómetros, e na actualidade, nestes primeiros dias de agosto, observarse a simple vista na cola do encoro de Cachamuiña unha forte acumulación de materia orgánica. Todo fai pensar que, entre outros verquidos, a acumulación de restos e a putrefacción das augas do encoro na época de estiaxe son debidas aos vertidos ao río Grañal e ao río Loña.
Dende Amigos da Terra e a Plataforma Ríos Limpos consideramos que estes vertidos son “ilegais e comporta graves danos para o medio ambiente e potencialmente para a saúde humana”, feito aínda máis grave se temos en consideración que se trata dun río que se usa para abastecemento de auga para a poboación de Ourense.
