A Deputación de Pontevedra financiou na súa primeira convocatoria de proxectos de cooperación en 2021, unha intervención de Amigos da Terra en Honduras que rematará nas próximas semanas. En colaboración, de novo, coa Asociación de Mujeres Defensoras de la Vida, puxemos en marcha un proxecto de defensa dos dereitos de mulleres rurais do sur do país.

Ademais de fortalecer as capacidades da Rede Municipal de Mulleres do muncipio do Corpus , construíuse de forma participativa un protocolo de actuación para o acompañamento das conselleiras e promotoras legais comunitarias ás sobreviventes de violencia no municipio do Corpus. Isto permite na actualidade contar cun grupo de 40 lideresas de diferentes comunidades con coñecementos dos tipos de violencia e do roteiro da denuncia que xa foron acreditadas cun carné como conselleiras e promotoras legais para poder exercer o seu labor como defensoras ante as autoridades de xustiza.

Paralelamente, traballouse na mellora da saúde para reducir a incidencia da COVID-19 e outras enfermidades transmisibles, e os índices de desnutrición. Para iso, promoveuse a produción de alimentos nutritivos e plantas medicinais, a adopción de hábitos de consumo saudables e o fortalecemento do sistema inmunolóxico, con especial atención á poboación infantil e ás mulleres. Na comunidade de Guanijiquil, estableceuse coa Rede Municipal de Mulleres do Corpus unha escola demostrativa de produción agroecolóxica de alimentos nutritivos e plantas medicinais, utilizando principios do método de cultivo biointensivo e boas prácticas ambientais.

O método de cultivo biointensivo permite lograr unha maior produción en espazos reducidos e cun menor uso de recursos, unha práctica axeitada considerando sobre todo as secas recorrentes na zona e as dificultades das mulleres para o acceso á terra (concentrada en poucas mans e maioritariamente en poder dos homes).

Actualmente, 27 mulleres están a participar na escola demostrativa de produción agroecolóxica. O obxectivo é fomentar a réplica nos hortos familiares das mulleres e facilitar a transferencia de coñecementos entre labregas/os en 5 comunidades do Corpus (Guanijiquil, Baldoquín, Caracol, Huatales e Quebrachal). Estas mulleres xa están a cultivar alimentos sans e equilibrados en diferentes épocas do ano, entre eles cogombro, pemento, tomate, cabaza, coandro, ravo, yuca, pataca doce, frijol alucín e sandía. Asimesmo, cultivan plantas medicinais (perexil, alfábega, ourego, menta, áloe vera…) que tamén serven de barreiras vivas nos seus hortos.

Realizáronse coordinacións con dous Centros de Saúde Rural e un Centro de Saúde con Médico do municipio do Corpus para formar a unha coordinadora e 5 promotoras comunitarias de saúde para a prevención contra a COVID-19, a redución dos índices de desnutrición e a adopción de boas prácticas de saúde e hixiene. Neste proceso cóntase coa facilitación dunha nutricionista e o apoio da Dirección Municipal de Saúde que lle dará seguimento á coordinadora e ás promotoras de saúde que se están formando para reducir os altos índices de desnutrición de nenas e nenos menores de 5 anos coa adopción de hábitos de consumo máis saudables e a entrega dalgúns suplementos alimenticios.

Por último, estase fomentando a xeración de ingresos das mulleres a través da posta en valor da produción agroecolóxica, artesanal e local e a comercialización diferenciada nunha plataforma virtual para mulleres emprendedoras do Corpus. Aspírase a impulsar a comercialización de excedentes agropecuarios e produtos elaborados polas mulleres a través dun proceso de asesoramento técnico e financeiro para a xeración de valor agregado e a legalización de negocios individuais e colectivos.

Este proceso compleméntase cunha iniciativa innovadora para facilitar o acceso das mulleres a novos mercados a través dunha plataforma virtual para a promoción e comercialización diferenciada dos seus produtos e a formalización de acordos entre mulleres emprendedoras do Corpus e consumidores/as individuais ou organizados/as. Esta plataforma axudará ás mulleres a realizar vendas desde as súas comunidades, reducindo os altos custos que teñen de mobilidade ao ter que desprazarse aos puntos de venda, e ampliar a lista de potenciais clientes nos núcleos urbanos.