Sen as organizacións sociais o plan quedará en papel mollado

Dende Amigos da Terra celebramos que o Concello de Ourense se teña dotado dun plan de acción consensuado pero alertamos sobre a necesidade de incluír as organizacións sociais na “comisión de seguimento” para unha participación, rendición de contas e seguimento real.

TRES MEDIDAS PARA ANTES DAS MUNICIPAIS

Entendemos que os resultados do MxOU non son un punto de chegada senón de partida e queda todo por facer. A 6 meses das eleccións municipais é o momento de amosar vontade política implementando as primeiras medidas propostas de forma decidida:

  • Asinar un pacto municipal pola mobilidade nos vindeiros dous meses.

  • Facer cumprir a ordenanza municipal de tráfico e facer que a visión “proautomóvil” da xefatura da Policía Local deixe de ser un dos principais obstáculos para a mobilidade sustentable en 4 meses.

  • Facer de Ourense unha cidade 30 con zonas de prioridade peonil e zonas de limitación da velocidade que permitan comezar a pacificación do tráfico en toda a amendoa central en 6 meses.

A RENDICIÓN DE CONTAS, A GRAN LAGOA DA PROPOSTA

Reclamamos ser incluídos na “comisión de seguimento”

A “comisión de seguimento” do plan contaría soamente con representantes políticos e a policía local e consideramos que esa comisión é insuficiente e será ineficaz. A comisión de seguimento debe incluír tamén a organizacións que dende a Mesa da Mobilidade ou no propio MxOU levamos anos traballando e aportando como Amigos da Terra.

Deixar o seguimento do plan proposto en mans dos representantes políticos é voltar a situación de 4 anos atrás e mutilar a posibilidade de participación no plan, rendicións de contas e achega de melloras por parte da cidadanía.

Consideramos que a proposta feita por Urbamás debe cambiar e conter ferramentas efectivas de seguimento que inclúan aos actores sociais.