Amigos da Terra espera que teña efectos positivos para acabar coa contaminación deste material

O 1 de Xullo entraba en vigor a normativa que obriga aos comercios para cobrar polas bolsas de plástico dun só uso.  Amigos da Terra leva anos esixindo a súa prohibición e considera que a normativa queda a medio camiño

Tras moitos meses debatendo sobre as bolsas de plástico, xa hai sobre a mesa un Real Decreto que obriga aos comercios para cobrar polas bolsas de plástico dun só uso a partir deste domingo, e que esixe a súa retirada do mercado a partir de 2021.

A lexislación tamén inclúe a prohibición das bolsas de plástico oxodegradable en 2020. Un material que se divide en pequenas partículas de plástico en moi pouco tempo; bolsas que adoitan ter un tempo de vida menor que as bolsas de plástico habituais.

A pesar destes avances, a normativa permite que as bolsas se substitúan por bolsas biodegradables, polo que a proposta segue afondando no modelo de usar e tirar. Con este Real Decreto non se limita a extracción de recursos naturais senón que se traslada o problema dun material a outro.

Ademais, non todas as bolsas biodegradables están compostas por materiais 100% orgánicos, algunhas seguen tendo porcentaxes de plástico procedente de petróleo na súa composición. Doutra banda, as bolsas compostables xeran problemas se acaban nos fluxos de reciclaxe do plástico convencional, reducindo a calidade do plástico reciclado.

Por este motivo, Amigos da Terra considera que se perdeu a oportunidade de promocionar a redución real de residuos, de apostar polas alternativas reutilizables e duradeiras, como as bolsas de tea, capazos ou carriños.

Á súa vez, a organización ecoloxista sinala que a medida chega demasiado tarde e recalca a necesidade de poñer en marcha propostas para reducir a contaminación por plástico procedente de diferentes envases e produtos desbotables, pola gravidade do problema. As previsións elaboradas pola Fundación Ellen McArthur indican que, se non se cambia o modelo de consumo e xeración de residuos plásticos, en 2050 haberá máis plástico que peixes nos océanos.

”Levamos anos reclamando medidas efectivas para eliminar as bolsas de plástico dun só uso e outros produtos como pratos, vasos, cubertos, e reivindicando alternativas reutilizables. O real decreto de bolsas é un primeiro paso neste camiño, pero debería ser máis ambicioso”, sinala María Durán, responsable de Recursos naturais e residuos de Amigos da Terra. Unha vez posta en marcha a medida de redución de bolsas de plástico é necesario empezar a traballar noutros produtos, tal e como expón a Unión Europea no borrador de Directiva de plástico dun só uso.