A sociedade clama por un PXOM e uns orzamentos que poñan a pacificación do tráfico, a dupla peón/bicicleta e a accesibilidade no centro das políticas públicas.
As conclusións que arroxa o proceso impulsado polo concello na primaveira do 2017 eran previsibles. Xa o sabíamos hai máis de dous anos cando na Mesa da Mobilidade se fixeron exactamente as mesmas propostas que agora arroxa o proceso do “Móvete por Ourense”.
Dende Amigos da Terra pensamos que Ourense segue tendo os mesmos problemas:
– Un goberno municipal que dimitiu da sua tarefa de gobernar e que ao mesmo tempo desplega unha estratexia obstruccionista e dilatoria para que os cambios que a sociedade reclama cheguen canto mais tarde, e peor, mellor.
– Unha xefatura da policía local “coche-centrista” que permite que se incumpla a normativa de tráfico e que impide a formación en materia de mobilidade sustentable dos membros do corpo de policía. Mantendo así a cidade secuestrada coa máxima de que: o único que importa son os coches.
O obxectivo real do MÓVETE POR OURENSE neste último ano e medio era desmantelar a Mesa da Mobilidade. Esta era unha ferramenta útil pero incómoda para o goberno do Partido Popular e para a Xefatura da Policía Local.
Agora, coas mesmas propostas sobre a mesa, Amigos da Terra reclamamos de novo a convocatoria urxente do Consello Municipal da Mobilidade cunha folla de ruta cando menos con duas tarefas:
– Priorizar as medidas concretas e traballar xunto con grupos políticos e técnicos municipais para impulsalas.
– Supervisar e velar polo cumplimento das propostas que xurdiron tanto da mesa de mobilidade como agora do Móvete por Ourense.