Os Concellos de Vilaboa, Mondariz-Balneario e Mondariz, xunto coa asociación ecoloxista Amigos da Terra e a través do Plan Revitaliza, da Deputación de Pontevedra, poñen en marcha nestes municipios o programa de compostaxe doméstica que ten como obxectivo a implantación da compostaxe na totalidade dos concellos. Unha aposta firme e decidida por mudar o modelo de xestión dos residuos no municipio.

A preocupación polo aumento progresivo da cantidade de residuos, os problemas derivados do actual modelo de xestión e a necesidade de atopar unha alternativa a esta situación que camiñara cara o residuo cero e o máximo aproveitamento dos recursos naturais, foron os motivos principais que fixeron poñer en marcha este programa.

O Concellos de Vilaboa, Mondariz e Mondariz-Balneario contan con Amigos da Terra para a realización da formación e o seguimento dos composteiros. Amigos da Terra ten máis de 15 anos de experiencia acompañando a familias na aprendizaxe da técnica da compostaxe. En todos estes anos a satisfacción por parte das familias participantes foi moi alta demostrando unha vez máis que a compostaxe é a mellor alternativa para a xestión dos residuos, por economía, facilidade e medio ambiente

E cal é a clave do éxito?

Dende Amigos da Terra defendemos que a clave do éxito de programas de compostaxe coma os que nos facemos, non está na calidade dos composteiros, nin na cantidade repartida nun municipio; está no traballo de calidade que fan as persoas que traballan nestes proxectos a través da educación ambiental, formando desde o primeiro minuto, acompañando a cada participante e axudando a solucionar problemas, capacitando a estas persoas para ser autónomas, o que consolida o proxecto, e avaliando para corrixir e mellorar. Todo isto é o que de verdade garante e éxito dos nosos proxectos.