Chega a fin! A era do plástico xa debe formar parte do pasado e queremos tender a un futuro desplastificado no que a moda sexa levar a bolsa de tea da casa, mercar a granel e dicir non a todo o que conteña envases innecesarios e nocivos para as persoas e o medio ambiente.

E porque queremos facelo dun xeito didáctico e lúdico, activistas de Amigos da Terra e Sustinea estaremos mañá sábado día 16 dende ás 11h da mañá diante do supermercado Eroski da Avenida de Santiago coa campaña Plastic Attack.

Baixo este lema queremos sensibilizar ás persoas consumidoras do sobreenvasado das súas compras, dos impactos de todos estes plásticos no medio ambiente e da existencia de moitas alternativas de moi fácil integración nas súas vidas, que axudarían a reverter a situación dun xeito moi notable.

Convidaremos a todas as persoas que fagan as súas compras mañá a que deixen no noso punto informativo todos os plásticos innecesarios e as embalaxes supérfluas que atoparán na súa compra.

Ademais, convidaremos mediante unha carta que entregaremos a supermercados e grandes empresas a sumarse á moda do Residuo Cero e a que ademais de promover a reciclaxe nos seus establecementos, poñan a disposición da cidadanía cada vez máis produtos a granel e menos envases innecesarios e prexudiciais para as persoas e o medio ambiente.

A iniciativa forma parte do movemento denominado #DesnudaLaFruta, ao que nos sumamos e que busca que a cidadanía estenda este tipo de accións por toda a xeografía e denuncie a través de fotografías nas redes sociais o ridículo e grave que pode chegar a ser este sistema de envases superfluos e dun so uso envasando, por exemplo froitas peladas en bandexa de poliexpan para a súa conservación (en lugar de deixar a protección natural da froita).

Ademais, en Galicia, de todos os plásticos que se poñen no mercado, nin sequera un 15% chega a ser reciclado, isto significa que acaban en vertedoiros, incineradoras e o que é peor, nos nosos montes, ríos e mares, malgastando así toneladas de recursos naturais precisas para fabricar elementos cunha vida útil de non máis de 10 minutos e con fácil substitución.

Segundo o Programa Medioambiental de Nacións Unidas (UNEP), cada ano chegan ata 12 millóns de toneladas destes residuos aos nosos mares, provocando danos moi graves á fauna mariña e introducíndose na cadea alimenticia a través dos microplásticos. Segundo as previsións, se a situación continúa como ata o de agora, no 2050 haberá máis plásticos que peixes no mar.

Para frear esta situación é imprescindible reducir drasticamente a produción de plásticos e eliminar todos aqueles que sexan dun so uso, tal e como ademais obriga a Comisión Europea na nova Directiva de plásticos pendente de ser aprobada nas vindeiras semanas.