A postura do Parlamento Europeo é mellor que a da Comisión Europea ou o Consello de Europa, pero está aínda lonxe do que necesitamos
As novas directivas seguen dándolle as costas á cidadanía como motor da Transición Enerxética.
Héctor de Prado, o noso responsable de Clima e Enerxía, sinalou que “parece que o Parlamento concluíu cunha postura bastante positiva, sobre todo se se compara coas posicións adoptadas pola Comisión e o Consello europeos, con todo segue a anos luz do que a ciencia, o medio ambiente e a sociedade civil reclama para evitar os peores efectos do cambio climático”. Sobre a transición enerxética en mans das persoas, o técnico opina que “a pesar de que os textos estean repletos de boas intencións e boas palabras, a realidade é que a Unión Europea séguelle dando as costas á súa cidadanía, máis interesada en lexislar para as elites financeiras”.
A Eficiencia é unha das grandes claves na Transición Enerxética
Sobre o paquete de Eficiencia Enerxética os eurodeputados optaron por un escaso obxectivo do 35% para 2030. Isto choca coa postura do 40% que previamente apoiaban os comités de Industria e Medio Ambiente. Este paquete agora inclúe un mecanismo de axuste que permitirá revisar aos Estados Membro o seu obxectivo segundo o seu crecemento de PIB. O noso técnico comentou que “co potencial de creación de emprego de calidade que existe no sector da eficiencia, non nos explicamos como é posible que os eurodeputados non voten por uns obxectivos nacionais vinculantes.”