Esta semana, Amigos da Terra pasou a formar parte oficialmente do plan Revitaliza, da Deputación de Pontevedra, que pretende mudar o modelo de xestión de residuos de toda a provincia de xeito decidido, municipio a municipio. O concello que leva a cabeza deste plan é o de Vilaboa, co que levamos xa dous anos traballando, e co que intensificaremos o noso traballo co fin de acadar o obxectivo residuo Cero no Municipio.
O vicepresidente da Deputación, o alcalde de Vilaboa Luís Poceiro e a presidenta de Amigos da Terra , asinaban este mércores no Pazo provincial o convenio que marca o inicio dun intenso traballo que comeza co novo ano, que chegará a 1500 fogares e terá unha duración de 18 meses.
Neste acto, a presidenta de Amigos da Terra, Raquel Fernández destacou que a labor da Deputación ao apostar pola compostaxe de xeito “decidido e firme” é sumamente positiva, porque confirma que o tratamento ecolóxico do lixo compensa non só ambientalmente, senón tamén de forma económica. Así mesmo, insistiu en que na compostaxe a parte educativa e humana que poden aportar a organización é fundamental, xa que non só dan coñecemento e habilidades sobre compostaxe, senón que poñen sobre a mesa un debate sobre o tipo de consumo actual, sobre a agricultura ecolóxica ou a necesidade de responsabilidade individual e colectiva –en comunidade- do tratamento e xestión do lixo propio.
Dende Amigos da Terra queremos celebrar a aposta desta administración por este modelo de xestión que levamos máis de 13 anos defendendo e sentimonos agradecid@s de formar parte e contribuir ao seu éxito da man do Concello de Vilaboa, co que levamos xa tempo traballando en boa sintonía e con bos resultados, e do que queremos facer o primeiro concello galego cun
aproveitamento total da súa materia orgánica a través da compostaxe.
Porque estamos convencidas de que a compostaxe será un punto de partida para un cambio,para un cambio integral na xestión do Municipio e de que coa implicación do Concello, do
equipo de mestres composteiros e da Deputación, camiñaremos cara o tan desexado residuo Cero.