O pasado 4 de novembro, Amigos da Terra foi convidada para expor no Encontro anual da Federación de Mulleres Rurais de Ourense, o labor que vimos desenvolvendo na nosa sociedade.

O obxectivo principal das Xornadas é o de incentivar o espírito  participativo e emprendedor das mulleres na sociedade, así como visibilizar o papel da muller como motor de desenvolvemento do rural.
Este ano quixeron ampliar esta visión, pois entenden que o traballo que fai unha asociación ecoloxista como a nosa, está moi vinculado co  ámbito e desenvolvemento do rural galego.

Agricultura ecolóxica,local e de temporada; medidas de aforro de enerxía e minimización de residuos; asi como a visión da xestión forestal e de cooperación que desenvolve Amigos da Terra, foron algúns dos temas que se expuxeron ao longo da mañá dende un punto de vista práctico.

Quedan as portas abertas para a colaboración entre ambas entidades, que dende FEMURO xa mostraron interese nalgunhas propostas concretas como no voluntariado en zonas queimadas.