Amigos da Terra está presente nas negociacións de Nacións Unidas no Cume do Clima, COP23, que comezan hoxe 6 de novembro en Bonn, Alemaña, e continúan até o 17 de novembro. A federación ecoloxista únese aos miles de activistas que acudirán á cita para reclamar xustiza climática.
Ao longo destas dúas semanas, mentres se discute a folla de ruta para implementar o Acordo de París, a sociedade civil celebrará diferentes mobilizacións para esixir o fin dos combustibles fósiles e unha transición enerxética baseada en enerxías renovables en mans da xente.
Tras a retirada de Estados Unidos do Acordo, anunciada por Trump, os representantes europeos aliñáronse para reafirmar o seu compromiso fronte ao cambio climático. Con todo as medidas propostas até a data están lonxe de alcanzar unha transición enerxética acorde coa emerxencia climática que vive o planeta.
Europa debe liderar a loita contra o cambio climático con medidas ambiciosas e non só palabras
Nesta liña, a UE debe tomar as rendas e dar os pasos necesarios para situarse á altura requirida. Os seus obxectivos climáticos, extremadamente pobres, e os continuos investimentos en novas infraestruturas para extraer combustibles fósiles, de momento, son incompatibles coa intención de afrontar o grave problema do quecemento global.
“Ante a falta de compromiso dos países industrializados, a sociedade civil mobilízase xunto ás comunidades afectadas polos fortes impactos do cambio climático. A xente segue resistindo ante as grandes empresas enerxéticas e segue loitando para avanzar nun sistema enerxético renovable descentralizado e democrático, a solución á crise climática”, afirmou Hector de Prado, responsable de clima e enerxía de Amigos da Terra.
Na COP21, en París, as partes acordaron limitar o quecemento global por baixo dos 2ºC e “pór máis recursos para manter a temperatura por baixo do 1,5ºC” . A pesar destas promesas, os obxectivos de redución de emisións propostos polos países do Norte global carecen de ambición, e non serán suficientes para avanzar cara a unha economía baixa en carbono.
A UE ten unha responsabilidade histórica fronte ao cambio climático, Europa necesita canto antes un cambio de modelo enerxético libre de combustibles fósiles, e ademais estas accións teñen que establecerse máis rápido do que se previu nun principio. O obxectivo tan limitado de enerxías renovables da UE para 2030 frearía a expansión actual das enerxías renovables . Ademais, no últimos tres anos, a UE outorgou subsidios por máis de mil millóns de euros a proxectos gasísticos e espérase que anuncie unha lista con novos proxectos a financiar con diñeiro público .
O Goberno español necesita tomarse en serio a ameaza do cambio climático.
Estudos confirman que España é unha das zonas europeas máis afectadas o quecemento . É preciso e urxente que o Executivo saque adiante co consenso de todos unha lei de cambio climático e transición enerxética que sitúe a España ao nivel dos seus países veciños, que levante o veto ao autoconsumo, deixe de financiar fontes de enerxías fósiles e aproveite decididamente o potencial dispoñible en canto a enerxías renovables.
Documentos
- Década cero. Necesitamos medidas rápidas e audaces para enfrontar as causas estruturais do cambio climático.