O pasado 14 de outubro miles de activistas de Amigos da Terra participamos no Día de Acción pola Xustiza Climática e Enerxética en máis de 30 países de 6 continentes. En Galicia, en Santiago de Compostela e en Ourense, pintamos un mural de forma colectiva para esixir renovables en mans da xente e xustiza climática. De forma paralela leváronse a cabo diferentes actividades de carácter lúdico e reivindicativo para todos os públicos así como música en directo.

Os grupos de Amigos da Terra pintan murais de forma colectiva para reclamar xustiza climática e enerxética

As mobilizacións pola xustiza climática e enerxética percorreron o mundo. En Xapón e en Indonesia saíron á rúa para pedir o fin do carbón, en Mozambique, as comunidades afectadas por proxectos gasísticos uníronse ao Día de Acción e en Reino Unido mostraron o seu rexeitamento á técnica do fracking con dinosauros xigantes.

O Día de Acción de Amigos da Terra en España

En España, os grupos locais de Andalucía, Aragón, Eivissa, Galicia, A Rioxa, Mallorca e Madrid reunimos ás nosas activistas para reclamar unha transición enerxética xusta, tanto aquí como no resto do planeta. A través dos murais representamos a loita colectiva para esixir renovables en mans da xente e xustiza climática, á vez que rendiamos homenaxe aos defensores ambientais que día a día se xogan a vida polas súas comunidades.

As voces a favor da xustiza climática resoaron en todas as accións a nivel internacional

Non é de estrañar, só en 2017 experimentáronse varios fenómenos meteorolóxicos devastadores, como secas, furacáns e inundacións, ademais de incendios forestais e desprendementos de icebergs, favorecidos polo cambio climático. A situación xa debe considerarse como emerxencia planetaria. A pesar da situación tan crítica que vive o planeta, multinacionais e gobernos de todo o mundo seguen apostando por fontes de enerxía fósil; na actualidade están a planificarse ou construíndo 850 novas plantas de carbón en 62 países, mentres a queima de combustibles fósiles é a principal causa do cambio climático.

Algúns expertos alertan de que o planeta ten aproximadamente tres anos antes de que se produzan os peores efectos do cambio climático, polo que é preciso deter as emisións de gases de efecto invernadoiro canto antes. Todo indica que é o momento de deixar os combustibles fósiles baixo terra e apostar decididamente por un sistema enerxético xusto baseado en fontes de enerxía renovable e liderado pola xente.

Cada vez son máis as comunidades locais que están a gañar batallas fronte ás enerxías sucias, demostrando que as solucións xa existen. Podemos gañar esta loita se actuamos unidas!

 

 

Galería de fotos

Na seguinte galería iremos subindo fotografías dos distintos actos, tanto en España como noutros países, desta mobilización internacional.