Tras a comparecencia de onte do presidente Donald Trump, na que confirmou a saída de Estados Unidos do Acordo de París sobre cambio climático, os grupos ecoloxistas Amigos da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, SEO-Birdlife e WWF España, manifestan o seu rexeitamento ante unha decisión que supón un grave retroceso ambiental e que podería ter repercusións sociais e económicas dentro e fóra do país americano. Así mesmo, piden ao presidente Rajoy que lidere a loita contra o cambio climático na UE.
A decisión de Trump transcende as fronteiras de EE.UU., polo que resulta imprescindible a unión do resto de países do mundo ante a ameaza da súa política antiambiental, enfrontada á comunidade científica internacional e á propia cidadanía. Máis aínda cando a evidencia científica indica que hai que actuar con determinación para evitar as peores consecuencias dun cambio climático que podería chegar a ser catastrófico.
O movemento de indignación mundial que xerou non se fixo esperar e, países como Francia, Alemaña ou Italia responderon firmes o anuncio da Casa Branca, manifestando a súa pesar e convencidos de que se trata dun erro que terá repercusións para os intereses do seu país e o futuro do planeta.
O presidente Rajoy manifestou que “España mantén o seu compromiso co Acordo de París” polo que os grupos ecoloxistas piden ao presidente Rajoy que lidere no contexto da UE a salvagárda do Acordo, que custou tantos anos de negociación e que por fin se fixo realidade. Un acordo que aínda que insuficiente en moitos aspectos, polo menos reflicte a vontade mundial de loitar unidos contra a ameaza ambiental máis inquietante e que abriu o camiño irreversible da transición enerxética renovable, que un só presidente non vai limitar.