Naceu Alianza polo Autoconsumo. Unha alianza, na que participamos como Amigos da Terra, composta por asociacións de consumidores, sindicatos, asociacións ecoloxistas e empresariais, co obxectivo de impulsar esta forma de xeración renovable.

Desde a Alianza reclamamos unha regulación estable e favorable para garantir o desenvolvemento do autoconsumo e o seu recoñecemento como un dereito cidadán

 

Coa presentación do manifesto “Co autoconsumo gañamos todos” marcamos o inicio das nosas actividades

 

Alianza polo Autoconsumo

 

Organizacións sociais, sindicais, de consumo e profesionais unimos as nosas voces na Alianza polo Autoconsumo para reclamar ao Goberno un marco regulatorio estable, que impida calquera medida retroactiva, e no que non se impoñan barreiras técnicas, administrativas nin económicas. Presentamos o manifesto “Co autoconsumo gañamos todos” que supón o inicio das súas actividades para conseguir que a sociedade gozar dos beneficios ambientais, económicos e sociais desta forma de xeración distribuída.

 

As tecnoloxías para a xeración de electricidade con enerxía renovable avanzaron ata o punto en que permiten a cada individuo, comunidade ou empresa abastecerse coa súa propia enerxía limpa facilitando o exercicio do dereito cidadán a participar activamente no mundo da enerxía. Pero para que isto sexa posible tense que dar un marco favorable para o seu desenvolvemento.

 

A Alianza polo Autoconsumo conformámola representantes de todos os sectores da sociedade: organizacións ecoloxistas, de consumidores, empresariais, sindicatos e colectivos sociais. Todas estas entidades buscamos un cambio regulatorio que desbloquee as trabas, tanto económicas como administrativas, que actualmente existen para o autoconsumo, reclamando unha regulación adecuada que garanta o dereito individual e colectivo a xerar enerxía para consumo propio con fontes renovables.

 

Un marco favorable para o autoconsumo

 

A Directiva 2009/28/CE marca a necesidade de promover un cambio no noso modelo enerxético. Un cambio de modelo que non termina nos obxectivos comprometidos para 2020, senón que continuará co coñecido como Winter Package e a proposta de revisión da Directiva Europea de Renovables, facendo que o noso país deba favorecer a integración de enerxías renovables no sistema enerxético durante as tres próximas décadas para alcanzar os obxectivos actuais e futuros.

 

Neste contexto, reclamamos que se recoñeza o dereito a autoconsumir enerxía eléctrica sen ningún tipo de cargo ou peaxe sobre a enerxía autoconsumida; que se habilite a posibilidade de que varios consumidores compartan instalación de autoconsumo; que se adopte o réxime sancionador en función do verdadeiro impacto do autoconsumo no sistema eléctrico e que se defina unha tramitación administrativa simplificada e adecuada ás características das instalacións.

 

O autoconsumo permitiría unha xeración limpa e distribuída, implicando de forma activa á cidadanía no cambio de modelo enerxético e facendo a particulares, administracións e empresas máis conscientes do seu propio consumo enerxético.

 

Numerosos beneficios ambientais, económicos e sociais

 

Os beneficios ambientais desta modalidade de xeración son claros, a condición de que se desenvolva con enerxías renovables. Desta forma evitaríanse emisións de gases de efecto invernadoiro e melloraríase a calidade do aire. Adicionalmente, evita as perdas do sistema que se producen entre a instalación de xeración e o punto de consumo.

 

A nivel económico, España depende das importacións enerxéticas en máis do 70%, 20 puntos porcentuais máis que a media da Unión Europea. Un maior desenvolvemento do autoconsumo contribuiría a reducir a importación de combustibles fósiles, equilibrando así a balanza comercial e mellorando a soberanía enerxética. O autoconsumo, ademais, é solidario con todos os consumidores, ao contribuír a reducir o prezo da electricidade e a factura da luz e ao xerar competencia no sistema eléctrico. Os autoconsumidores tamén contribúen ao mantemento dos custos do sistema, pagando o termo fixo completo e o variable en función da enerxía que finalmente consuman da rede.

 

Esta forma de xeración posúe tamén múltiples beneficios sociais. Non só converte aos cidadáns en actores crave para acelerar o cambio de modelo enerxético en liña coa urxencia ditada polo cambio climático, senón que o seu desenvolvemento creará emprego directo, cualificado e local, favorecendo o desenvolvemento tecnolóxico nacional e a innovación.

 

Alianza activa e aberta a todos

 

Desde a Alianza polo Autoconsumo levaremos a cabo iniciativas para concienciar á cidadanía e á clase política de que esta modalidade é un dereito cidadán con múltiples beneficios, de forma que desaparezan as trabas e barreiras que hoxe a frean.

 

Na alianza contamos cunha ampla representación da sociedade civil e coa adhesión das principais asociacións de consumidores, ecoloxistas, empresariais e sindicatos, tal e como pode verse na listaxe de organizacións asinantes adxunto. Todas estas entidades, e aquelas que queiran incorporarse á Alianza, son asinantes do manifesto “Co autoconsumo gañamos todos”, e a  presentación marca o inicio das súas actividades.

 

Manifesto “Co autoconsumo gañamos todos”