Hoxe venres, o Concello da Coruña en colaboración coa organización ambientalista Amigos da Terra dan comezo ao programa “A Coruña composta”, que implicará na súa primeira fase a 50 familias do Municipio.
A cantidade de residuos xerados pola cidadanía está en crecente aumento, e a xestión actual non consigue aproveitar os recursos pechando o ciclo da materia orgánica sen un impacto na calidade ambiental da cidade. É por isto que o Concello decide poñer en marcha este programa de compostaxe doméstica destinado á parte menos urbana da cidade; a que conta con un pequeno terreo no que compostar os seus residuos orgánicos, impedindo que cheguen aos contedores da rúa e pechando o ciclo da materia nos fogares.
A Coruña composta comeza nos barrios de Elviña e Eiris-Pedralonga con 50 familias e cun plan de continuidade ao resto da cidadanía no futuro. Serán así case 200 persoas reducindo residuos a partir da implantación do programa e transformándoos en compost para os seus xardíns ou plantas. Ademais, ao reducir os desprazamentos destes residuos á pranta, estase a provocar unha redución nas emisións de gases de efecto invernadoiro e por tanto freando o cambio climático.
Dada a experiencia da organización Amigos da Terra neste eido, e a súa dilatada traxectoria en proxectos de compostaxe doméstica, para a realización deste proxecto, solicitouse a colaboración da asociación, nas tarefas de formación, seguimento e avaliación dos participantes.
O proxecto, que durará 8 meses, arranca hoxe coa súa presentación e coa apertura da fase de solicitude de participantes.
Unha vez seleccionadas as 50 familias participantes terá lugar a súa formación e un período de seguimento personalizado por parte das técnicas de Amigos da Terra, que acompañarán a estas familias ao longo do proceso a fin de resolver dúbidas e solucionar problemas, capacitándoas para que elas soas continúen o proceso.
“Coa compostaxe estaremos reducindo nun 50% a cantidade de residuos enviadas ó ciclo da xestión municipal, producindo un importante aforro municipal, ademais de obter un produto de calidade para os solos galegos”, declara María Durán, Responsable da área de recursos naturais e residuos de Amigos da Terra.
O único requisito para formar parte deste programa é, ser veciño/a do Concello, ter un pequeno xardín ou terreo e estar disposto/a e motivado/a a formar parte deste proxecto educativo e formativo. Realizarase unha selección das 50 primeiras persoas que cumpran estes requisitos para esta primeira fase, e as que queden fora, quedarán nunha lista de espera para as seguintes edicións.