As últimas semanas do proxecto de seguridade alimentaria e nutricional en El Salvador, serviron para rematar as actividades previstas e para poñer en común resultados, aprendizaxes e novas necesidades.

No eido da agricultura ecolóxica e familiar, organizouse unha feira de intercambio de sementes que tivo como propósito promover a posta en común de experiencias e aprendizaxes entre as persoas que iniciaron con este proxecto novas hortas familiares.

En total participaron 90 persoas (50 delas mulleres) das comunidades La puerta, La Escoba, La Fuerteza, El Salamo, La Pesquera, Isla Perico e Isla Zacatillo (comunidades La Estufa e El Cahuano). Nos diferentes stands montados para o encontro exhibiron os alimentos colleitados e as sementes seleccionadas nas súas parcelas. Despois de dar a coñecer os resultados obtidos en cada horta e de compartir a planificación dos seus cultivos, as familias intercambiaron colleita e sementes para mellorar a diversidade das súas hortas e contribuir así á preservación colectiva de variedades locais, mellor adaptadas ao seu entorno, dos principais alimentos da súa dieta.

O intercambio de sementes tivo por obxectivo establecer un banco comunitario de sementes crioulas. Previamente, as familias con hortas familiares participaron dunha capacitación onde recibiron formación acerca da colección, selección, limpeza, envasado e conservación de sementes. Durante a feira recibiron depósitos herméticos que serán utilizados para o almacenamento das sementes nos seus fogares. Así pois, todas as familias participarán do mantemento deste banco, preservando as sementes para os futuros cultivos das comunidades.

Doutra banda, na liña de promoción de negocios dirixidos e xestionados por mulleres, os grupos das comunidades de La Guacamayera e La Escoba seguen amosando avances no inicio das súas pequenas iniciativas empresariais. No caso do grupo de mulleres de La Guacamayera, participaron no IV Enlace Turístico – Empresarial, denominado “Unidos por el Desarrollo Empresarial y Local”. O evento tivo como obxectivo, dar a coñecer os produtos e servizos de Emprendedoras, Micro e Pequena Empresa, atendidos pola Asociación ADEL La Unión, onde participaron máis de 50 empresarias/os. Aparte das capacitacións relacionadas coa elaboración dos seus produtos (champús, xabóns naturais e outros productos de limpeza), as mulleres integrantes deste negocio participaron en formacións técnicas relacionadas coa xestión da súa pequena empresa, organizados polo Centro de Desarrollo de la Micro y Pequeña Empresa (CEDEMYPE). Deste xeito puideron elementos básicos para a xestión exitosa e a continuidade do negocio como a atención ao cliente, os custes, o manexo de inventarios ou a administración.

O grupo de mulleres da comunidade de La Escoba, seguen incrementando a producción de “tortillas de maíz”, un producto que é parte da dieta diaria das familias en todo o país. A aceptación dos produtos que ofrece este negocio serviu para captar clientes para a venda doutros produtos como: almorzos, pupusas (tortillas de maíz ou arroz recheas, moi típicas no país) e outras comidas. Os talleres impartidos a este grupo estiveron orientados ao traballo en equipo, emprendedurismo, administración de negocio, custes, clases de cociña e atención ao cliente.

En ambos os dous casos, ademais das formacións, os grupos recibiron equipamento e materiais para conrtibuir á posta en marcha do negocio e a produción do stock inicial de produtos.

Finalizadas ás actividades coas comunidades, desenvolvéronse obradoiros para a sistematización e avaliación do proxecto. Ambos estudos permitirannos identificar as fortalezas e debilidades da execución do proxecto, a partir das percepcións e opinións das mulleres e homes que participaron do mesmo; así como as futuras actuacións a desenvolver para seguir contibuíndo á mellora da súa calidade de vida.