Un novo informe pon de manifesto os problemas e os potenciais dos establecementos que traballan contra a práctica da obsolescencia.

O informe de Amigos da Terra, realizado en colaboración coa facultade de socioloxía da Universidade Complutense de Madrid, mostra o perfil medio das persoas que se dedican a este tipo de negocios, os produtos que máis comunmente se reparan, venden de segunda man ou alugan, así como as barreiras que se atopa o sector para poder medrar.

Amigos da Terra publicou hoxe un estudo sociolóxico baseado nos resultados das enquisas realizadas no sector da reutilización, “Alargascencia: unha ferramenta fronte á obsolescencia. Estudo sociolóxico do sector da reutilización”, no marco da súa campaña contra a obsolescencia, Alargascencia. Neste sector atópanse comercios de reparación, aluguer, intercambio e venda de segunda man, de diferentes produtos, como aparellos eléctricos e electrónicos, téxtil, bicicletas, mobles, etc. Estes establecementos forman parte do directorio web da organización, alargascencia.org. Á súa vez a ONG lanzou recentemente varios vídeos sobre a iniciativa.

Con este estudo a asociación ecoloxista quere afondar na situación deste sector, en moitos casos invisibilizado, a pesar do seu traballo en prol do medio ambiente. A campaña de Amigos da Terra, Alargascencia, busca promover este tipo de establecementos, que velan polo medio ambiente moito máis do que cren os seus responsables.

Entre os resultados detectouse a vocación e motivación das persoas que dirixen estes establecementos, así como o seu interese en manter a súa actividade a longo prazo. Os rendementos económicos do seu traballo valóranse entre regulares e bos, de feito percíbese un incremento no número de clientes nos últimos anos, nunha gran parte debido á crise, polo que se presume un aforro económico fronte á compra dun produto novo.

O valor achegado por estes establecementos de tipo ambiental e social non é percibido pola totalidade dos xestores dos mesmos. Aqueles que si ,son conscientes do seu impacto positivo sobre o medio ambiente, consideran que reducen o uso de recursos naturais, a xeración de residuos e a pegada de carbono.

Entre as barreiras manifestadas polos enquisados, destacan a mala calidade dos produtos, que dificulta a súa reparación e implica prezos baixos nos produtos novos; falta de información á cidadanía sobre as alternativas que existen fronte á compra de produtos novos, e as trabas fiscais e burocráticas impostas a estes negocios, polo xeral de pequeno tamaño.

As propostas de acción de Amigos da Terra, á vista dos resultados, son a posta en marcha de campañas institucionais de promoción de actividades de reparación, venda de segunda man, intercambio, etc., a redución do IVE a estas actividades, motivada polo valor ambiental achegado, tal e como se fixo en Suecia para as actividades de reparación, e sancións ou incremento de carga fiscal aos produtos deseñados para durar menos ou difíciles de reparar.