Amigos da Terra ven de presentar as alegacións e comentarios ao Plan Galego de xestión de residuos industriais, publicado en pleno mes de agosto. Con este documento aportamos as nosas opinions, comentarios e alegacions ao borrador no periodo de participación pública.

Consideramos este plan de gran importancia, dada a relevancia dos produtos sobre os que trata, os valiosos recursos naturais dos que están fabricados estos produtos e os serios impactos que xeran no entorno os residuos mal xestionados.

Tal e como indican os principios reitores do propio plan, é necesario aplicar a xerarquía de xestión de residuos, dando maior relevancia aos primeiros pasos da mesma: Redución, Preparación para a Reutilización,Reciclaxe, Valorización enerxética e Vertido.

Pero a sorpresa é que estos principios neste plan, semellan ser unha declaración de boas intencións, pois a prioridade que se debera establecer, á da Redución, é inexistente no resto do plan e non conta con ningun tipo de indicador no mesmo. Demostrase así unha vez máis, nas políticas de xestión de residuos da Xunta de Galicia, a falta de compromiso coa que debería ser a primeira das opcións á hora de poñer en marcha un plan deste tipo.

Para Amigos da Terra, a redución ten unha elevada importancia, que é necesario poñer de relevancia, e en moitos casos dos residuos industriais, como por exemplo os RAEEs, con maior énfase, xa que os materiais dos que se fabrican, son na súa maioría valiosos e escasos (metais como aluminio ou ferro, metais escasos, como ouro e coltán, etc.).

Ademáis non se atopan dispoñibles no noso territorio, senon en países empobrecidos, nos que se xeran elevados impactos ambientais e sociais tales como contaminación de augas, solos e atmósfera, acaparamento de terras, desprazamento de comunidades, abuso dos dereitos humanos, etc

O impacto do seu uso e o seu rexeite é tan elevado que non se pode permitir o despilfarro nin o consumo masivo dos produtos que empregan estes materiais.

Apostemos dunha vez por todas e con compromiso pola economía circular; non podemos seguir hipotecando os recursos naturais que non nos corresponden.