Amigos da Terra e PROMESA continúan as actividades previstas no proxecto de seguridade alimentaria e nutrición en Bahía de la Unión. Co apoio do Centro de Desarrollo de la Micro y Pequeña Empresa (CEDEMYPE) estamos a desenvolver formación empresarial, sobre temáticas como emprendemento, xestión técnica e administrativa de empresas, traballo colectivo, comunicación e outros aspectos relacionados coa xestión de negocios. As 30 persoas participantes (15 delas mulleres), pertencen aos chamados “curileros”, grupos de mariqueiros/as que viven do que obteñen a partir da extracción deste molusco (o curil) dos manglares, habitualmente familias empobrecidas e con baixos ingresos.
Estes talleres serán pois, o punto de partida para apoiar a posta en marcha de, ao menos, dúas iniciativas económicas administradas por mulleres.
En canto ás hortas familiares, o clima dificultou o inicio da segunda fase de cultivos. A pesar de que o país está en estación chuviosa, as chuvias na zona oriental foron case nulas como consecuencia do fenómeno “El Niño”, que vén afectando con fortes secas desde o ano 2015.
As perspectivas do Ministerio de Medio Ambiente y Recursos Naturales para os meses agosto, setembro e outubro deste ano, indican que existe maior probabilidade (52%) de que se dean as condicións que producen o fenómeno de “La Niña” (fase fría do ciclo climático). Mentras tanto, as familias beneficiarias do proxecto que teñen posibilidades de manter auga nos seus fogares seguiron sementando algunhas hortalizas, aínda que a maioría segue esperando a chegada das chuvias para sementar maíz, frijol e hortalizas.
Tamén continúa a formación en agroecoloxía, co apoio da organización Ecología y Población (ECOPOL SA). Desenvolveuse un taller básico de “Agricultura Orgánica Sustentable a Escala Humana, Método Biointensivo de cultivo”, con representantes de 8 comunidades. Por razóns de seguridade, o taller realizouse na comunidade La Galilea, no municipio de La Unión, e contou tamén cun grupo de mozos da comunidade que se atopan en proceso de legalización da súa cooperativa. O taller combinou clases expositivas participativas, traballos en grupo e prácticas de campo para poñer en práctica o aprendido.
Por último, no relativo ao programa nutricional das familias, ao longo deste mes espéranse os resultados dos exames de laboratorio realizados para determinar a evolución dos casos de desnutrición. Así mesmo, en agosto está prevista a presentación dos primeros resultados do programa ante a Gobernación Departamental e representantes do Ministerio de Salud Pública e Asistencia Social municipal e rexional.